xoves. 30.04.2026
El tiempo

Ponte... Nas Ondas celebrou o "RadioVisual do Patrimonio" máis mariñeiro na súa visita a Muros

Ponte nas Ondas en Muros 4
Dúas muradáns cos micros do Ponte... nas Ondas
Ponte... Nas Ondas celebrou o "RadioVisual do Patrimonio" máis mariñeiro na súa visita a Muros

Sorte temos na comarca de unirnos ao proxecto Ponte... nas Ondas. Unha iniciativa que foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial), que percorre o país poñendo en valor o patrimonio cultural, lingüístico e etnográfico de Galicia e Portugal a través da radio escolar.

Trala visita a Caión e Vimianzo, o proxecto recalou este xoves 30 de abril en Muros, e da man do xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira como mestre de cerimonia, centos de escolares da vila muradá gozaron dunha xornada no marco do "RadioVisual do Patrimonio". “Entre o chiar das gaivotas que debuxan círculos no ceo e o arrecendo a salitre que inunda as rúas, as conversas de Muros aínda gardan o eco de palabras antigas; palabras que saben a mar e a historia”, enfiaba Ferreira.

O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural, educativa e social ao longo das rutas xacobeas, baseada na realización de eventos participativos en directo que combinan música, palabra e creación audiovisual. A iniciativa conecta territorio, mocidade e comunidade, xerando contido e experiencia arredor dun dos principais símbolos culturais de Galicia.

Ponte nas Ondas en Muros con caamano e Ameixeiras
Caamaño&Ameixeiras acompañaron ao proxecto en Muros

Na segunda das súas paradas esta primavera, o Radiovisual comezou coa animación musical do dúo Caamaño & Ameixeiras, que armadas unicamente de violín, acordeón e voz fixeron gozar o público coa súa destreza na reinterpretación da música de raíz.

Pasou despois polos micrófonos a alcaldesa de Muros, María Lago Lestón, quen se enfrontou ao desafío das cuestións e a curiosidade do alumnado, que encheu toda unha caixa de preguntas para a que quedou curto o tempo de peneiralas todas.
Subiu despois ao escenario Vicente, Chente, “un home que leva o salitre marcado na pel e o horizonte gravado nos ollos”, muradán xubilado logo de cumprir o soño de ser patrón do seu propio barco, quen guiou a rapazada pola súa memoria mariñeira. 

 

Ponte nas Ondas en Muros 1

E na voz tamén do alumnado, escoitamos, a xeito teatralizado, todo un abano de vocabulario pouco coñecido: ghaldrupeiro, esbaghasado, cachimán, culimaia, sorromatrocos... Ao fío, a rapazada, acompañada da profesora María Xosé Lago, explicoulle a audiencia o proceso de recollida e peneira das palabras. O traballo arredor das imaxes do patrimonio ocupou tamén espazo neste radiovisual, xa que o IES Fontexería leva desde a primeira edición do Certame de Imaxes do Patrimonio de PNO! moi comprometido na peneira de imaxes con historia que contan saberes. 

A xornada puido seguirse en directo na rede a través da web www.oradiovisual.com e da web da asociación Ponte... nas Ondas! (www.pontenasondas.org), onde xa se pode ver tamén a gravación do evento. 

Ponte nas Ondas en Muros 2

 

 

A iniciativa conta co apoio da Axencia Galega de Industrias Culturais, a través da súa liña ‘Territorio Cultura’, destinada á ampliación e diversificación de oferta cultural en áreas non urbanas.  

Ponte nas Ondas en Muros Grupo

Máis novas do Proxecto

 

Comentarios