Os Amigos de Gervasio Sar inmortalizan a “Senda Proscrita”
O libro combina arte, literatura, historia e lenda, pero tamén maxia e misterio. “A Senda Proscrita” describe por vez primeira e dun xeito directo un escuro capítulo da tradición xacobea que sempre foi considerado tabú pola Igrexa de Santiago. A obra é unha publicación reinvindicativa da estirpe galaica, cun crisol de culturas como a romana, a celta, a sueva ou a árabe. O libro, en fin, trata de reinterpretar as mitoloxías e recrear libremente o Camiño da Costa, iniciando o relato no século V a.C. cos poboadores da Idade de Ferro, os seus clans e deuses, pasando polo suposto descubrimento da tumba do Apóstolo, no ano 813; ata rematar co comezo da peregrinaxe e as diferentes nomenclaturas dos camiños.
O acto de inauguración terá lugar na Sala A Camposa no edificio Multiusos ás sete da tarde; e nel intervirán o pintor e o autor do libro, o editor Jose Luís Teófilo, o alcalde de Muxía e o secretario xeral de cultura Anxo Lorenzo coa presentación do xornalista Xusto López Carril. A mostra estará aberta ata o 10 de febreiro; con horario de 11 a 14 horas, sábados e domingos e de 16 a 19 horas de luns a venres.
A inauguración da exposición e a presentación do libro están organizadas pola Asociación de amigos de Gervasio Sar en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Muxía, Teófilo Edicións e a empresa Alberte Ribeiro.
O PINTOR
Alexandro amósanos unha época na que distintas culturas transitaban por este Camiño antes de que o cristianismo se apropiara dos seus arcanos, establecendo a Ruta Xacobea que coñecemos co final en Fisterra e en Muxía.
O ESCRITOR
Alberto Cacharrón é un estudioso dos camiños a Santiago, da Narratio Iacobea. Escribiu outros 7 libros que tiveron como obxectivo a Vía Láctea; entre eles “Mar de Santiago. A xénese do Camiño”.