Venres. 29.03.2024
El tiempo

O autocine será o prato estrela do Outono Cultural de Muxía

Presentación axenda cultural Muxía
O autocine será o prato estrela do Outono Cultural de Muxía

Continúan agromando os programas culturais de outono, fomentando a volta á normalidade. Onte foi o Concello de Muxía o que presentaba, na futura sala sociocultural, que actualmente está en obras, a axenda de cultura outonal de Muxía para os meses de outubro, novembro e decembro.

O prato estrela será o autocine coa proxección da película 'Bohemian Rhapsody'. A emisión do filme será o sábado 14 de novembro, ás 21:00 horas, no porto de Muxía.

Pero as actividades darán comezo o sábado, 10 de outubro, coa actuación de Avelino González e os seus “Contos que foron chistes” e rematarán o sábado, 5 de decembro, cos “Relatos Negros” de Manuel Manquiña.

Teatro, cine, música, literatura e maxia protagonizan este ciclo con actuacións para todos os públicos. Haberá moita variedade, con xornadas para o público adulto pero tamén están programadas actuacións dirixidas aos máis pequenos da casa, para que poidan acudir e gozar en familia.

Todas as actividades programadas en recintos de interior precisarán de inscrición previa no teléfono do Concello 981 74 20 01. Será unha medida de obrigatorio cumprimento e como forma de prevención fronte ao coronavirus.

Comentarios