Venres. 19.04.2024
El tiempo

Unha concentración para recuperar as Pías de Moraime

Unha concentración para recuperar as Pías de Moraime

Este sábado 8 de febreiro ás 13:30, o BNG da Costa da Morte convoca unha concentración na Igrexa de San Xián de Moraime para reclamar a devolución das pías bautismais románicas. Unhas pías que para o BNG foron “roubadas pola familia do ditador Francisco Franco a principios da década dos sesenta do pasado século”.

No acto darán a coñecer a proposición non de lei do BNG no Parlamento galego exixindo á Xunta que, en colaboración co Arzobispado, leve a cabo as accións necesarias para a recuperación das pías bautismais da igrexa románica de San Xián de Moraime.

Situación histórica

Aproiveita o BNG para lembrar os antecedentes deste suceso, que xorde paralelo á recuperación do Pazo de Meirás, e as figuras do Mestre Mateo.

Aproximadamente no ano 1960, Carmen Polo visitou a igrexa románica de San Xián de Moraime (Muxía) e interesouse por días pías bautismais de grande valor histórico-artístico que estaban no patio da casa reitoral. Pediu as dúas pías para levalas ao pazo de Meirás e ordenoulle ao párroco don José Barrientos, que obtivera os correspondentes permisos. Ao día seguinte, desprazouse ao lugar un camión para recoller as citadas pías, sen que se tramitase ningún permiso para o traslado.

O cura párroco de Moraime, José Barrientos, púxose inmediatamente en contacto por escrito co arcebispado, comunicando o acontecido. Posteriormente foi chamado polo vicario da diócese e decidiron non reclamar naquel momento as pías, dada a posición da persoa que se apropiara delas.

O 3 de setembro de 1980, D José Barrientos comparece diante do notario de Vimianzo para deixar constancia destes feitos. Nesa mesma data comparece tamén D Celso Alcaina Canosa, natural de San Xián de Moraime, sacerdote e avogado, quen manifesta “Que coñece as circunstancias expostas por referencias de D José Barrientos e doutras persoas”.

Desde esa data, o sr Celso Alcaina fixo xestións diante do goberno central e da Xunta de Galiza mais sen obter ningún resultado. En 2010, o alcalde de Muxía, a petición de Celso Alcaina, enviou unha carta á Xunta solicitando que se adoptasen as medidas necesarias para a recuperación das pías, mais non tivo resposta. Nese escrito, adxuntou a acta notarial de 1980.

Aínda que a igrexa de Moraime é Ben de Interese Cultural, a Xunta manifestou en 2017 que non lle corresponde reclamar as pías: “A igrexa de San Xián de Moraime é propiedade da Igrexa. Polo tanto, quen debe reclamar son os titulares do ben”. Nese mesmo ano, o Arcebispado de Santiago manifestou que “estudiará o asunto”, examinando “a documentación que poida existir procedente da parroquia”.

Dada a condición de Ben de Interese Cultural e de ben de dominio público da igrexa románica de San Xián de Moraime, a Xunta de Galiza ten a obriga de velar pola súa conservación, protección, salvagarda e seguridade. Ademais, desde 1985 existe unha comisión mixta Xunta-Igrexa católica que ten entre as súas funcións: “Actuar como órgano de asesoramento da consellería competente en materia de patrimonio cultural, para a protección, conservación, fomento e difusión do patrimonio cultural de Galicia nas cuestións que afecten exclusivamente bens de titularidade da Igrexa Católica que teñan valor cultural”.

Malia esta obriga compartida de conservar e protexer os bens de titularidade da Igrexa católica, ningunha das dúas institucións adoptou medidas encamiñadas a conseguir a recuperación destes bens de extraordinario valor cultural.

&Nbsp;

Comentarios