Domingo. 13.10.2024
El tiempo

“A desastrosa xestión do goberno municipal está levando o Concello de Muxía a unha situación límite”

Pleno Muxia setembro 22
Imaxe do pleno deste mes
“A desastrosa xestión do goberno municipal está levando o Concello de Muxía a unha situación límite”

Así define, tras moito tempo no silencio e mesmo intentando ser cordial, o voceiro do BNG de Muxía, a situación. Ademais das continuas tensións plenarias, nunha política baseada nas redes sociais, o Concello acaba de recibir un requerimento da Xunta, debido ao seu retraso inxustificable no pago a provedores, instándoo a que se cumpran os prazos de pago a estes profesionais. “Estes empresarios, moitos deles pequenos autónomos, están recibindo os cartos con ata seis meses de retraso, o que na situación de inflación actual supón un gravísimo problema”, denuncia Carlos Fdez Concheiro.

De non atender este requerimento, o Concello estaría obrigado a reducir drasticamente os gastos ou a aumentar, mediante a suba de impostos, os seus ingresos. “O incumprimento pode conlevar tamén a redución da participación do concello nos ingresos procedentes do Estado e tamén a denegación de acceso a subvencións”, avisa.

O portavoz do BNG salta e denuncia “gastos sen control en todo tipo de festas, ou destinar 50.000 euros este verán para camións cisterna con que encher os depósitos de auga sen adoptar ningunha medida para o seu aforro, cando o Concello non ten liquidez para pagar a electricidade”. Unha situación para el “dificilmente xustificable” tendo en conta que “o Pleno municipal aprobou recentemente un novo orzamento (onde deberían estar contemplados estes gastos correntes) e unha partida de 150.000 euros do remanente de tesourería (dos cartos aforrados noutros exercicios) para este fin”.

A todo isto engádese a acumulación de “reparos suspensivos por parte de intervención debido a que os gastos non se tramitan dacordo a lei e a reiterada negativa do alcalde a respostar as preguntas da oposición nos plenos, negando á cidadanía e aos seus representantes o dereito a seren informados sobre a xestión municipal”, lamenta Concheiro.

”Esta situación é insostible e só se ve mitigada, na medida do posíbel, polo bo facer dos traballadores e traballadoras municipais, que se esforzan en que, a pesar do nivel de desgoberno, o concello funcione, mentres vemos como se dilapidan sen control os aforros dos muxiáns e muxiás que poderían facer moita falta nun futuro próximo para manter os servizos esenciais”, remata.

Comentarios