Luns. 22.04.2019
El tiempo

“Hai restos suficientes para que se lle dea a Moraime unha valoración patrimonial importante”

“Hai restos suficientes para que se lle dea a Moraime unha valoración patrimonial importante”
  A cata realizouse xunto á igrexa e o antigo mosteiro de San Xiao de Moraime, en Muxía. | Fotos: Rafa Quintáns “Hai restos suficientes para que se lle dea unha valoración patrimonial importante”. Esta é a conclusión á que chega Emilio Ramil, xefe de equipo de Axa Arqueoloxía, empresa que vén de rematar os traballos de prospeccións encargados pola Consellería de Cultura baixo a Dirección Xeral de Patrimonio en San Xiao de Moraime, Muxía, co obxectivo de saber  cal é o estado de conservación dos restos que xa escavara Chamoso Lamas no ano 1972 e, tamén, para achar novos despoxos que enriquezan o actual valor patrimonial. Durante as últimas semanas, Ramil e o seu equipo, integrado por oito persoas máis, constaron os milenios de civilización que garda o territorio muxián. Así, deron con tumbas escavadas no substrato “que probablemente pertenzan ao século IV ou V, anteriores ás de laxa descritas por Chamoso de época xermánica”. O arqueólogo asegura ademais que atoparon moitos obxectos que “nos levan a un pasado romano, tales como sigilatas, ánforas, material construtivo e incluso cerámica castrexa”, explica. “É bastante material que informa dunha ocupación que vai desde o século cuarto ou quinto Despois de Cristo ata practicamente a época actual, porque é un espazo que se segue ocupando”, engade. Estudo do material O seguinte paso, explica Emilio, “será o estudo do material obtido para logo elaborar un informe e unha memoria final”. Unha vez feito isto, será a Dirección Xeral de Patrimonio a que emita, en coordinación co concello de Muxía e a Deputación, unha resolución de futuras actuacións en Moraime. De momento, insiste, "o atopado merece a posta en valor". Pola súa parte, o alcalde de Muxía, Félix Porto, explica que agora "hai que rematar a faena, e non paralizar o proceso", e congratúlase de que por fin se dean pasos en firme para a posta en valor de Moraime e así "poder desfrutar todos da gran riqueza patrimonial que hai alí". Parte divulgativa A intervención contou así mesmo cunha parte divulgativa que incluíu visitas de colexios e institutos de Muxía. “Os máis pequenos estaban interesados. Un deses encontros durou máis do previsto porque fixeron moitas preguntas. Foi unha visita moi aproveitada”, comenta entre risos o director da escavación. Ademais de escolares, tamén pasaron por Moraime un profesor da UNED xunto aos seus alumnos, así como un médico forense pertencente ao equipo, quen se encargou de recoller mostras de terra para facer os estudos dos cadáveres que se atoparon nas fosas.  

Comentarios