xoves. 01.05.2025
El tiempo

Dorothé Schubarth recupera a súa importancia na Galería Mulleres de Muxía

Galeria Mulleres Muxia DOROTHÉ SCHUBARTH copia
Dorothé Schubarth recupera a súa importancia na Galería Mulleres de Muxía

Dorothé Schubarth. Basilea (1944 - 2023). Musicóloga, investigadora da música tradicional e compositora. Autora
do Cancioneiro Popular Galego, a obra fundamental da lírica de tradición oral galega.

Medrou nunha familia que cultivaba a música. Ela tocaba varios instrumentos e encamiñou o seu traballo cara á teoría musical;
estudou musicoloxía, dirección coral e composición. En 1971 ocupou a cátedra de Harmonía e Contrapunto na Academia de Música
de Lucerna. Estudou as músicas populares dos Balcáns e o Cáucaso, traballo que dou lugar á publicación O canto popular na Europa
(1978).

Chega a Galicia en 1978, atraída pola riqueza da nosa tradición oral e interesada polo canto arcaico do que atopa trazos no noso
país, e a través da contribución de Suíza, primeiro, e logo dunha bolsa da Fundación Barrié levou a cabo unha intensa investigación
da música tradicional galega nos anos 70 e 80, que dou lugar ao Cancioneiro Popular Galego, obra fundamental para a conservación
e coñecemento do patrimonio musical galego, e que publicou xunto con Antón Santamarina en varios volumes, a partir de 1984. A
colaboración de Santamarina foi indispensable para ela, para salvar os problemas de comprensión polo descoñecemento da nosa
lingua.

Reuniu arredor de 5.000 letras diferentes que transcribiu Santamarina. Dorothé atopou que tiña que comezar o traballo de recollida
case dende cero, realizando percorrido por 82 concellos galegos e 13 limítrofes e gravando ás cantareiras dos diferentes lugares e
moitas informantes, sendo a primeira vez que se aportaban os nomes destas mulleres.

As gravacións sonoras e visuais que realizou e a súa documentación están no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do
Museo do Pobo Galego e no Arquivo Sonoro de Galicia do CCG.

A plataforma feminista de crítica literaria A Sega dedícalle no 2014 a primeira edición do Día das Galegas nas Letras. Foi Premio
Honorífico dos Premios Martín Códax da Música e Patroa de Honra do Museo do Pobo Galego (2017).Tamén recibiu o Pedrón de
Honra, o Premio da Crítica e foi homenaxeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

A súa investigación é un tesouro para os galegos e galegas; en palabras do colectivo A sega:
“... vimos dunha estirpe de mulleres que crearon textos para cantalos, que compuxeron música de palabras. Elas, que
foron feitas silencio polo peso dunha tradición patriarcal que ditamina para eles os nomes e para elas o anonimato do
"colectivo". Ata que chegou ela. A primeira que ousou poñer os nosos nomes a cada unha das composicións"

O seu traballo florece hoxe no Día das Letras Galegas adicado á poesía popular oral e, nomeadamente, ás mulleres que a
mantiveron.

Novas sobre Dorothé

13 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios