Mámoas esquecidas baixo os eucaliptos

Cantos xacementos haberá así, “a monte”, por toda a xeografía galega. Centos de montes agochan entre os seus “colitros” espazos con historia. Apunta Manuel Gago que en Galicia podería haber entre mil e pico e dúas mil mámoas agochades baixo os montes, sen a necesidade de estar afectadas. Así e todo, e dado que moitas están sumerxidas en grandes plantacións de eucaliptos, hai perigo de unha reforestación dane estes xacementos, como acontecía hai pouco na mámoa da Arquiña de Vilaseco.

Por iso mesmo, unha veciña do lugar de Senande, Carme Toba Trillo, afeccionada á arqueoloxía e acostumada a gabear con fiereza polos montes da contorna, púxose en contacto con nós para amosarnos 3 montículos, 3 elevacións do terreo, no medio dun monte entre Castelo e Senande, en Muxía.

Parecen ser tres grandes “túmulos”, isto é, unha morea de terra e pedras sobre unha tumba ou varias, e que se remonta á época das idades de Pedra, do Bronce e do Ferro. “Parece unha necrópole”, sinala Carme, que ten medo que, como lle aconteceu á de Vilaseco, lle poida acontecer algo a este conxunto, aínda non catalogado.

Precisamente por iso quere captar a atención, porque non atopou as mámoas catalogadas en ningures, e cre que pode ser importancia que se cataloguen, para que non vaian acabar con elas dunha palada.

Mentres, por aquí seguiremos esperando, despois de 13 anos, polo Parque do Megalitismo da Costa da Morte.

Novas relacionadas

Novas sobre o Parque do Megalitismo

Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).