Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Un paso máis cara a aprobación final do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte

Un paso máis cara a aprobación final do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte

Continúa, vagariño, o proceso de construción do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte. No día de onte o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental (DIA), formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental relativa ao proxecto sectorial do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte na provincia da Coruña. Publicación que supón un paso máis cara a aprobación final do proxecto sectorial.
Deste xeito e examinada a documentación do expediente, considérase que o proxecto é ambientalmente viable coas condicións que se establecen na declaración de impacto ambiental e as contempladas no propio proxecto sectorial.

Falamos pois das actuacións na contorna do parque, como poden ser a construción de aparcadoiros, sinalización, dotación de mobiliario e apertura de sendeiros, así como actuacións arqueolóxicas de cara a facilitar a súa visita e proceder á súa restauración.

15 enclaves megalíticos en 8 concellos

O Parque Arqueolóxico do Megalítico da Costa da Morte engloba 15 enclaves megalíticos pertencentes a 8 concellos da Costa da Morte, identificados na actualidade entre os de maior monumentalidade desta área xeográfica. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural actuará nun total de 14 destes enclaves megalíticos encadrados no proxecto sectorial:

  • Pedra Moura de Aldemunde, no Concello de Carballo;
  • A Fornella dos Mouros, no concello de Laxe;
  • Pedra de Arca, no Concello de Malpica;
  • Mina da Parxubeira, no Concello de Mazaricos;
  • Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra da Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós (mámoas), no Concello de Vimianzo;
  • Casa dos Mouros ou Pedra da Arca, pertencente aos concellos de Dumbría e Vimianzo;
  • Pedra Vixía, Arca da Piosa, no Concello de Zas.

Dentro do Parque Arqueolóxico inclúese asemade o Dolmen de Dombate, no concello de Cabana de Bergantiños, que conta co seu propio Plan Director e que xa está sendo executado pola Deputación Provincial da Coruña

A Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico contará con catro Parques Arqueolóxicos e Centros de Interpretación desde o punto de vista histórico e territorial, que buscan o equilibrio entre o rural e o urbano. Xunto ao Parque Arqueolóxico do Megalitismo, destacan o da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra), recentemente aberto ao público, o da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las en San Amaro/Punxín (Ourense) e o do Mundo Romano da cidade de Lugo.

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Máis novas

Fonte

  • Nota de prensa da Xunta.

Comentarios