Excursión pola Ruta das Antas da Costa da Morte
O patrimonio histórico, cultural e social da Costa da Morte pasa pola súa riqueza de monumentos megalíticos. Estas pirámides galaicas son monumentos funerarios datados entre os anos 4000 e 2000 a.C. onde só os máis importantes xefes das tribus repousaban logo da morte física. Así, damos unha volta polo roteiros do Concello de Vimianzo que nos leva por 7 puntos de interese, que, sorprendentemente debido ao que estamos acostumados, están ben sinalizados e non hai case perda. Comezamos a viaxe saíndo de Vimianzo cara Baio, onde no Km.60 da estrada C-552 que une Fisterra con Carballo, a dous quilómetros de Baio, hai un desvío cara a dereita dirección Bamiro, e no que da comezo a Ruta dos Dólmenes ou Antas, que ven sendo unha palabra moito máis galega.
Pedra Cuberta
Esta anta está localizada na parroquia de Treos, e a data de creación anda entre os 4000 e os 3000 a.C. Trátase dunha anta de gran tamaño e é unha das máis coñecidas de Galicia. Aínda se poden observar pinturas negras e vermellas dentro do corridor pero que se están a perder por non tomar medidas axeitadas.
Como chegar: Unha vez rematamos á visita do penedo de Torán baixamos cara a igraxa parroquial de novo e torcemos á esquerda no desvío que cruzamos á subida. Chegamos á estrada Baio-Baíñas, chamada a vía arqueolóxica, e collemos á dereita. A 1 km do núcleo de Tines collemos á dereita e pasado outro quilómetros hai unha indicación que sinala directamente á anta. Paramos o vehículo onde poidamos e a man dereita a 50 da estrada atópase a anta.
Pedra Moura
Localizada na parroquia de Serramo e datada dos 4000-3000 a.C., esta anta cunha caperuza de enormes dimensións, aparece no medio dunha mámoa ou tumulto (montaña de terra que cubría as antas) de 15 metros de diámetro.
Como chegar: Continuamos 1km pola mesma estrada onde estaba a pedra Cuberta onde tomamos unha vía á dereita un pouco antes de Arxomil. Pasamos unha boa subida que baixa ata a igrexa de Treos que deixamos atrás e volvemos á estrada Baio-Baíñas cara a dereita. Chegamos a Carneo, nun cambio de rasante hai un sinal cara a dereita por unha pista de asfalto que tras 900 metros mostra un pequeno carreiro (tamén sinalizado) cara a dereita. A uns 300m está a Pedra nun pradiño debaixo duns cables de electricidade dos grandes.
Pedra da Lebre
Descuberta hai ben pouco (no 1987 por un par de arqueólogos galegos), esta arca de boas dimensións pertence á parroquia de Serramo no medio dun bosque de eucaliptos onde, curiosamente, crecen acivro.
Como chegar: Dende a Pedra Moura voltamos á estrada Baio-Baíñas cara a dereita e pasado 1 km atopamos a arca a man dereita perdida no medio dos colitros.
Arca da Piosa
Un dos maiores e máis espectaculares monumentos megalíticos de Galicia. As enormes cubertas miden case que 5 metros de lonxitude e entre todas as pedras chegan ás 35 toneladas. Pertence á parooquia de Muíño do Concello de Zas, e data tamén de entre o 4000 e 3000 a.C. A modesta opinión do que escribe é que esta é a máis impresionante de todas. Ademais conta cunha lenda arredor dela, dende que o noso Pondal creaba nos seus Queixumes dos pinos ao heroe celta o valente Brandomil que caería morto fronte a un esquivo romano e descansaría no seu mausoleo da Piosa.
Cómo chegar: Difícil acceso, e sen sinalización: dende Serramo collemos á esquerda cara Comareiro (con sinal) e subimos ata que remata o asfaltado para continuar de fronte pola pista de terra. Esta nos leva logo duns 2 km ata a cancela dunha explotación forestal de eucaliptos, claro, onde se atopa a arca. Entramos e collemos a primeira pista á dereita (aquí non hai sinal de ningún tipo e hai moito bosque onde perderse) e atopamos a anta a uns 700 m a man esquerda.
Pedra da Arca
Outra enorme anta que se pode confundir con outras xa que o seu nome é bastante xenérico. Ten a peculiaridade de pertencer a dous concellos distintos xa que a fronteira entre a parroquia de Baíñas, Vimianzo, e a de Regoelle de Dumbría, pasa pol medio da anta data tamén de entre o 4000 e o 3000 a.C. A suposta mámoa ou túmulo que recobría a anta mide uns 30 metros de diámetro. A pedra superior é sinxelamente xigantesca.
Como chegar: Saímos da explotación forestal de eucaliptos e baixamos de novo á estrada Baio-Baíñas cara a dereita. Ao chegar ao cruce de Baíñas seguimos recto cara Ponte Oliveira. A 2km collemos unha pista de terra cara a esquerda, e logo nunha bifurcación á dereita, que sobe e chega á anta que queda a man esquerda nunha leira debaixo de novo dos cables de electricidade.
Casota de Freáns
Cunha estructura distinta, esta arca pertence a unha época un pouco máis tempraneira, entre o 2500 e o 2000 a.C., antecedendo a Idade de Bronce. Máis adiante servíu durante moitos anos coma refuxio para pastores. Mantén gravados e covas e cruces.
Como chegar: Voltamos cara Baíñas e collemos á esquerda cara Muxía-Cee que vai dar a Berdoias. Un pouco antes de chegar ao cruce coa C-552 hai un desvío cara a esquerda pegadiño a unha casa. Continuamos ata unha pista de terra onde convén deixar o coche. Uns 900m máis adiante e logo duns preciosos castiñeiros atopamos a casota. E voltamos para casa inmersos nun mar de lendas e historia.
Bibliografía
- "Arquitectura megalítica na Costa da Morte. Antas e mámoas" (1999), Xosé María Lema Suárez; "Caminando entre dólmenes. Arquitectura megalítica de la Costa da Morte (Galicia)"; Asoc. Neria, Cee, 2002; "Polas antas e mámoas da Costa da Morte (Galicia)"; Seminario de Estudos Comarcais da CM; Vimianzo, 2006; "Por los dólmenes de la Costa da Morte (Galicia)", Tórculo Edicións, Santiago, 2006) "Les dolmens de la Costa da Morte (au Finisterre de la Galice)"; Seminario de Estudos Comarcais da CM, Vimianzo 2007. Tamén o documental "Ruta das antas da Costa da Morte. Os principais monumentos megalíticos"; Seminario de Estudos Comarcas da CM, 2009.
Outros recunchos megalíticos
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]):