Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Dombate: Un museo sen guía

Dombate: Un museo sen guía

Non é por facer nosa a visión do arqueólogo Xurxo Ayán sobre o que el chama Dombáter. Pero a musealización do conxunto megalítico máis impotante do país está tendo máis dunha sombra.

Retrasos aparte (xa hai tempo que asumimos os 20 anos con boina de obra...) o Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate está chamado a ser a cabeceira do futuro Parque do Megalitismo da Costa da Morte. Pero polo de pronto, aínda non está completamente rematado. A día de hoxe aínda falta a peza básica do museo: a enorme réplica das pinturas que fan deste lugar a catedral dos dólmenes de Galicia.
Parece que en breve, en canto cheguen os permisos de Patrimonio, estará instalada, e xa se poderá ver este tesouro a través das cámaras.

Iso si, o resto do Centro de Interpretación segue medio baleiro malia que as cousas están bastante avanzadas: xa fixeron as réplicas dos sidoliños e falta por colocalas polo Museo; os paneis informativos sobre o megalistimo aínda non están instalados pero están en marcha, e en breve agárdase a instalación dun completo vídeo.

Todas estas cousas poderían ter sido xa vistas polos 20.000 visitantes que se achegaron ao renovado Dolmen de Dombate durante o pasado verán. Pero pode que non o poidan facer tampouco este ano. Ou polo menos non poderán escoitar as explicacións dun guía, pois o servizo pola Deputación, acabou en decembro, e a día de hoxe xa van 6 meses nos que o Museo está cun home de seguridade contratado pero non cun guía.

Parece que polo de pronto o obxectivo da musealización sae perdendo. I é que a falta dun guía informativo é unha carencia vital para un museo, é a peza máis importante de calquera museo.
Por exemplo ao non ter guía, este ano non puido achegarse ningún grupo escolar. Esperamos pois, que poidamos volver escoitar as explicacións de Anxo Eiroa, ou outro arqueólogo, para que os visitantes entendan o por que de toda esta infraestrutura.

Polo de pronto: Seguridade, 1 - Cultura, 0.

Novas relacionadas

Comentarios