venres. 26.06.2026
El tiempo

O muxián Ramón Lema lanza a súa primeira exposición individual no Garabato

Ramon Lema no Garabato
O muxián Ramón Lema lanza a súa primeira exposición individual no Garabato

Este 28 de xuño, o especial Día do Bosque en Carballo no marco do San Xoán, antes de ir de romería podes facer parada no Estudio Garabato. Ás 13:30 horas, coa sesión vermú, o artista muxián Ramón Lema presenta Lenzo e papel (a poética da luz), a súa primeira exposición individual. Trátase dunha mostra composta por doce pinturas ao óleo sobre lenzo de marcado carácter hiperrealista, acompañadas dunha selección de gravados realizados sobre plancha de linóleo.

A serie pictórica nace a partir de fotografías de bodegóns realizadas polo artista Mon Lendoiro, que serven como inspiración para unhas obras nas que Ramón Lema procura achegarse ao realismo da fotografía mediante unha técnica de gran precisión. Lonxe das naturezas mortas tradicionais, os bodegóns presentan composicións contemporáneas nas que conviven obxectos cotiáns con elementos naturais, creando escenas sorprendentes, equilibradas e cheas de forza visual.

En cada un dos cadros, o artista establece un coidado diálogo entre a luz e a sombra, xogando cos contrastes, as texturas e os volumes. Os fondos completamente brancos potencian a sensación de profundidade e provocan un efecto óptico que engana á mirada, facendo que os obxectos parezan desprenderse do propio lenzo e ocupar o espazo do espectador.

A exposición complétase cunha serie de gravados en linóleo de diferentes formatos e temáticas, disciplina na que Ramón Lema tamén desenvolveu unha importante parte da súa traxectoria artística tras formarse na Escola de Arte de Vimianzo da man da artista Pura Lema.

Lenzo e papel constitúe a carta de presentación pública dun creador que, despois dunha vida dedicada ao seu oficio como mecánico, atopou na pintura e no gravado unha forma de expresión na que conflúen a observación, a paciencia e o dominio técnico. O resultado é unha obra de gran impacto visual, capaz de sorprender ao espectador pola súa precisión, sensibilidade e extraordinaria capacidade para converter o cotián en arte.

Comentarios