Venres. 26.04.2024
El tiempo

Os percebeiros da Barca aprenden a vender o seu produto doutras marcas galegas afianzadas

Percebe da Barca
Os percebeiros da Barca aprenden a vender o seu produto doutras marcas galegas afianzadas

Interesantes as ponencias que escoitaron os percebeiros de Muxía no marco do I Congreso para a Posta en Valor dos Manxares Atlánticos. Un evento organizado pola Asociación Profesional Percebe Da Barca no marco do proxecto Percebe “Da Barca, ouro Atlántico”, que serviu para tomar boa nota de como están a traballar noutras zonas de Galicia coas súas marcas de calidade.

Arrincou o simposio Modesto Gómez Rodríguez, CEO de Enxeño Galicia, abrindo as portas a que o mundo do mar aproveite as ferramentas que o márketing pon ao noso alcance, máis tendo un produto de calidade como o noso. “Hai que dispoñer dunha boa identidade, dotala dunha mascota que a personifique e ocupar unha categoría forte na mente dos consumidores. Percebe Da Barca está a empezar a traballar nesa liña”.
Lembrou: mensaxes claras, curtas, directas e sinxelas, fáciles de lembrar polos consumidores, e invitounos a aprender do resto de experiencias da xornada.

Miguel Pazos, profesor titular de xeografía humana da Universidade de Santiago, membro do Consello científico do IDEGA e director do Instituto de Estudos Turísticos, aludiu á emotividade para lanzar un bo produto de márketing, máis aínda nun contexto no que as redes sociais xogan un papel decisivo.

Mesas redondas

Durante a primeira das dúas mesas redondas que se celebraron no congreso, Milagros González, representante da denominación de orixe protexida Pemento de Herbón, falou das dificultades, mesmo cando se concede unha denominación de orixe, de “lidar” coas persoas que están afeitas a facer as cousas doutra maneira. Por exemplo: comprar a granel.

José Andrés De la Fuente, representante da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia,trouxo datos concretos: “Un Consello regulador garante a orixe e a calidade do produto. Debemos apostar pola inclusión nunha contorna con preto de 150 produtores que xeran unha produción de 100 hectáreas. É un reto que non debemos deixar pasar”.

Jesús Manuel Quintela, representante da asociación de produtores da pataca de Coristanco, destacou a importancia que ten a “diferenciación” á hora de comercializar algo aparentemente tan común como a pataca. “Ofrecela con total garantía é fundamental para defender os nosos produtos, por iso temos que xuntarnos todos para poñer en valor conxuntamente toda esta riqueza que emana da nosa terra”.

Pechou esta primeira mesa redonda José Cadrado, representante da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá, que falou da “importancia de vender unha experiencia máis aló do produto”.

A doutora e nutricionista Amil López destacou as marabillas culinarias do percebe e da dieta atlántica e Alejandro López, director da revista Coralia, ademais de experto en protocolo gastronómico e turismo, falou da oportunidade que representa hoxe o luxo para os mercados gastronómico e turístico. “Imaxinádesvos a Mario Casas publicando nas súas redes sociais unha foto comendo Percebe Da Barca?”, preguntou López en ton retador.

 

Durante a segunda mesa redonda da xornada Óscar Pérez, representante da denominación de orixe protexida Arzúa – Ulloa, incidiu na importancia da xente para a posta en valor do produto. “Na nosa DOP temos rexistradas 1500 explotacións gandeiras e 55 marcas”.

Como colofón á mesa redonda e os relatorios, Milucho Louro, representante da empresa distribuidora Fresco y del mar, falou da importancia das prazas de abasto en liña para a posta en valor dos produtos do mar. E explicou a filosofía da súa empresa: “Nós estamos para apoiar aos mariñeiros e os mariscadores, coidamos de que siga habendo vida nos portos e procuramos velar para que non acaben por converterse en centros etnográficos. Enchemos de vida os portos”. Seguramente esa sexa unha das claves da supervivencia: encher as cousas de vida.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios