![parador-lourido-penela-dentro]()
Falabamos del a semana pasada cando repasabamos
os retrasos que atinxen á Costa da Morte. I é que o Parador de Turismo
xa se puña en marcha hai case que 2 anos e medio, tras ser unha promesa, cómpre lembrar, do Goberno Central trala desfeita do Prestige. Por agora non se puxo nin a primeira pedra, malia que nin sequera iso poida ser considerado como un comezo. Apuntaron que
a licitación farase efectiva o primeiro trimestre de 2011 e as obras contan cun prazo de execución de 3 anos.
Así e todo, a pasada mañá do luns 20 de setembro de 2010, o Salón do Padroado do CGAC acollía a presentación oficial. Acodían á cita o arquitecto Alfonso Penela, o alcalde de Muxía, Félix Porto, o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo e o subdelegado do Goberno na Coruña, José Manuel Pose.
Faláronse de moitas cousas, de respecto ao medio ambiente, de desenvolvemento do sector estratéxico, de coidado do Camiño... E no tocante ao proxecto en si, do arquitecto Alfonso Penela, un dos comentarios do Conselleiro destacaba
“a complementariedade e equilibrio entre dúas naturezas, a do home e a da paisaxe, que queda garantida no proxecto que debuxou no seu maxín”. I é que o contorno da
praia de Lourido é tremendamente atractivo e precisa un respecto moi especial.
Coidado co Camiño
A Xunta asegurou que unha das ideas é a de “recuperar e conservar o medio físico, a sinalización e a rehabilitación e ampliación da rede de albergues”. Asemade, o conselleiro lembrou que “desde a Consellería de Cultura e Turismo destinamos
máis de 1.200.000 euros para a mellora da Ruta Fisterra-Muxía, dentro do Plan Corrector dos Camiños”. A ver se lle toca algo á Ponte de Vaosilveiro...
Desenvolvemento do sector turístico
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, aseguraba que o proxecto do Parador resulta “un tema de vital importancia para o correcto desenvolvemento estratéxico do sector turístico da zona”. Varela definiu o proxecto como “un dos máis ambiciosos e dinámicos que ten por diante a Costa da Morte, e por extensión Galicia enteira”.
Un proxecto que está en mans de Turespaña.
Datos
![paradorMuxiaProxPen]()
Segundo a Consellería o Parador de Turismo de Muxía, segundo a redacción do proxecto, disporá das seguintes dotacións, 80 habitacións, SPA, salóns de usos múltiples, restaurante, cafetería, servizos de uso interno (vestiarios, cociñas, almacéns...), aparcamento cuberto para 100 prazas e aparcamento exterior para outras cen prazas, execución da urbanización e acondicionamento de espazos exteriores, así como espazos destinados a albergar a maquinaria necesaria para as instalacións do edificio. O Parador de Turismo de Muxía, terá 13.223,33 m2 construídos, dos que 11.895,99 m2 serán superficie útil.
O Parador de Turismo de Muxía será o máis respectuoso posible co entorno físico. A intervención no lugar virá marcada por unhas directrices básicas como a consecución dunha disposición espacial oportuna respecto á xeomorfoloxía do lugar; atopar complementariedade e equilibrio entre as dúas naturezas, a do home e a do paisaxe e medir ben os sons e os silencios, as presenzas e as ausencias da arquitectura.
Para acadar os obxectivos respectarase o paisaxe e camuflarase gran parte do construído, non se alterará o Subsector litoral, conservaranse todos os setos do contorno, as manchas forestais de Pinar, Salgueiral e Reboleira serán respectadas, así como os prados, campos e cultivos do Mosaico Agrario. Do mesmo xeiro acondicionaranse minimamente os camiños, corredoiras e sendeiros da forma máis estritamente necesaria.
Novas relacionadas
Fonte