Rocío Louzán e Sandra Paz, protagonistas do proxecto audiovisual ‘O rural de todas’
Rocío Louzán e Sandra Paz son dúas mozas emprendedoras de Muxía, que onte se convertiron en protagonistas do documental ‘O rural de todas’, impulsado pola Deputación Provincial da Coruña. Un proxecto interxeracional e colaborativo que pretente amosar a historia da vida das mulleres do rural. Ambas amosáronse ‘tremendamente ledas por ter a honra de ser dúas das protagonistas deste tan especial proxecto’.
Rocío é a propietaria dunha empresa de maquinaria agrícola, que adica toda a súa actividade no rural de Muxía. ‘Traballo onde nacín e me criei, para min é algo normal pero resulta interesante que se traballe en proxectos como ‘O rural de todas’. Significa moito na carreira na busca da igualdade e participaría noutros tantos de volver ter a oportunidade’, afirma a nosa primeira protagonista, cuxa peza foi gravada polo mercadillo de Muxía, e que tivo remate no muelle.
Pola súa banda, Sandra Paz ten varias casas rehabilitadas para o Turismo Rural e unha granxa de cría porcina, adicando a súa vida laboral a estes dous fins. Antes desempeñaba as tarefas de conductora dun autobús escolar. Para ela, esta experiencia resultou ‘moi emotiva e fundamental, xa que considero fundamental rachar cos estereotipos de xénero desde a infancia, algo no que creo que as institucións como o Concello de Muxía e a Deputación da Coruña están volcados’, afirmaba. ‘Eu desde aquí animo a todas as mulleres a facer todo o que se propoñan e cumplir as súas metas. Con vontade, todo se consegue’, finalizaba.