Sábado. 04.07.2020
El tiempo

“Só se pode restaurar unha obra que foi deteriorada. Copiar unha obra destruída non é restauración, senón imitación carente de valor”

O alcalde anunciou esta semana a recostrución do altar da Virxe da Barca de Muxía
O alcalde anunciou esta semana a recostrución do altar da Virxe da Barca de Muxía
“Só se pode restaurar unha obra que foi deteriorada. Copiar unha obra destruída non é restauración, senón imitación carente de valor”
A pasada semana o alcalde de Muxía anunciaba a reconstrución do Altar Maior do Santuario da Virxe da Barca. Unha decisión sempre comprometida na vila muxiá arredor dun asunto tan especial como o Santuario, como o refrendan as arduas discusións que se están desenvolvendo nas redes sociais.

Son, en todo caso, foros dos que tampouco é convinte sacar as máis importantes conclusións, sen tampouco chegar a poñer en dúbida a “pureza de muxián” de cada un. “A apelación ao “sentimento”, patrimonializando as emocións, non pode amparar unha conduta que raia no populismo, nin xustificar a adopción dunha decisión arbitraria neste tema de gran calado”. Así o entende o voceiro do BNG de Muxía, Carlos Fdez. Concheiro, que solicita non precipitarse a tomar decisións (en pleno estado de alarma e sen urxencia ningunha, 7 anos despois daquel fatídico incendio), recibir o axeiteado asesoramento de especialistas e favorecer os debates en encontros cos representantes dos diferentes grupos políticos que representan tamén a unha parte dos veciños e veciñas de Muxía, cos técnicos municipais de cultura e con persoas de recoñecida traxectoria no eido artístico.

De feito, lembra que si existe unha Comisión e lamenta que o novo alcalde non a teña convocado para analizar posibles solucións, estando dacordo en que “hai que facer un retablo e superar a etapa –xa excesiva- do toldo estampado e a réplica da virxe cunha base de poliestireno expandido azul”.

Pero pon enriba da mesa unha cuestión moi importante, que ás veces se nos esquece. “A Barca non é so patrimonio dos muxiáns e das muxiás, é un patrimonio universal –lembrar que desde a Idade Media é visitada por peregrinos de toda Europa e na actualidade de todo o Mundo- que debe de ser coidado, respectado e valorizado”.

Obra de arte ou imitación

Fai Concheiro unha reflexión. “Na imaxe na o alcalde amosa unha reprodución da virxe da Barca persístese no erro de non comprender a diferenza entre unha obra de arte e unha imitación, por máis acaída que esta resulte. Cremos que só se pode restaurar unha obra que fora deteriorada, pero copiar unha obra destruída non é restauración, senón imitación carente de valor”

De aí que o BNG faga a súa proposta: “A cuestión parece sinxela: poñer unha copia para cumprir coa papeleta e gastar un orzamento xa recadado (supoñendo que o motivo sexa a carencia de máis fondos) ou xestionar, e fornecer de recursos ao proxecto para dotar ao santuario dunha obra de gran valor artístico que transcenda o local para ter relevancia internacional”.

Plan da rectoral

Aproveita Concheiro para recordar que en 2009 se anunciara un proxecto para darlle uso á rectoral de Muxía, que sería rehabilitada con ese obxectivo polo Instituto de Patrimonio Cultural. N”on é tempo de recuperar ese proxecto e dotar a Muxía dun espazo museístico dedicado ao mar, que xa existe noutras localidades da Costa con menor tradición mariñeira? A Fonte da Pel segue destruida, a Pedra de Abalar abandonada e cun anaco arrumbado no atrio da igrexa e, por último, mais non menos importante, hai alguén ao outro lado cando se reclama o traslado da “Ferida”, monstro pétreo estéril fora de contexto que se impón desde a súa atalaia tanto ás sagradas pedras da Barca como ao propio santuario?”.

Novas relacionadas

comentarios