Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Touriñán despide o sol a partir deste venres

Touriñán despide o sol a partir deste venres
O último raio de sol en Europa poderase ver no cabo Touriñán entre o 24 de marzo e o 24 de abril O último raio de sol en Europa poderase ver no cabo Touriñán entre o 24 de marzo e o 24 de abril O cabo Touriñán convertirase durante os próximos días no último punto da Europa no que se poña o sol. Este espectáculo natural durará ata o 24 de abril e volverá a repetirse entre o 18 de agosto e o 19 de setembro. Así o desvela o catedrático en Electromagnetismo Jorge Mira - e natural de Baio - nun artigo publicado na revista "Cartography and Geographic Information Science", considerada entre as de máis alto impacto no ámbito da xeografía. Segundo desvela o físico neste artigo, no período dun ano non existe un único punto xeográfico dende o que contemplar o último solpor nesta parte do planeta, senón que é un privilexio de cinco localizacións da costa atlántica europea repartidas entre España, Portugal e Noruega. Xunto aos períodos nos que este último solpor se pode observar dende terreo galego, Mira sinala outros catro emprazamentos: entre o 19 de outubro e o 21 de febreiro estaría localizado no cabo de São Vicente en Portugal, ao que toma o relevo cabo da Roca, tamén en terreo luso, entre o 21 de febreiro e poucos días despois do equinoccio de primavera e dende uns días antes do equinoccio de outono ata o 19 de outubro. As outras dúas localizacións destacadas son un lugar próximo a Aglapsvik no sur continental de Tromsø (Noruega) aproximadamente do 24 de abril ao 1 de maio e do 11 ao 18 de agosto, e unha localización no municipio de Måsøy ao sur de Havøysund, tamén en Noruega (aproximadamente do 1 ao 11 de maio e do 1 ao 11 de agosto). Jorge Mira argumenta no seu artigo que o traslado deste singular punto de referencia ao longo da xeografía atlántica asóciase “á cambiante orientación do eixo de rotación da terra con respecto ao Sol”. Ademais engade que os cálculos teóricos das horas de saída e posta do sol aplícanse só a nivel do mar. Explica tamén que os tempos reais en que se observa que o sol sube e se establece nun lugar particular diverxen do cálculo teórico “debido ás condicións atmosféricas, a presión e a composición atmosférica e outras variables tales como os efectos da refracción atmosférica no tempo de posta do sol en latitudes máis altas, que crean discrepancias aínda maiores na área ártica”. O profesor especifica que nas datas en que a posta de sol cambia dun punto a outro, “ oscilan entre un día e o seguinte cun período duns anos, principalmente debido ao calendario de ano bisesto, ao igual que os dos equinoccios e solsticios”. Como curiosidade, o catedrático de Electromagnetismo apunta como nos días 24 de abril e 18 de agosto o momento de último solpor europeo, que se produce simultaneamente na Costa da Morte e nun lugar próximo á cidade norueguesa de Tromsø, coincide co do último solpor do continente africano. Amencer No mesmo artigo Jorge Mira tamén localiza o primeiro punto no que se pode contemplar o amencer de España. Contra a crenza de que se produce no punto máis oriental de España, cerca de Mahón -na illa de Menorca-, “atopámonos que iso non é así durante todo o ano, senón que nun período de catro meses, dende o 21 de abril ao 21 de agosto, ese primeiro amencer en España prodúcese en cabo de Creus en Girona”. Novas relacionadas Fonte

Comentarios