Muxía abre o prazo de inscrición para participar no XVIII Mercado das Rutas do Mar
Mentres a vila pensa no Feirón de Senande que se celebra este domingo 6, o Concello muxián xa abre o prazo de inscrición para participar no XVIII Mercado das Rutas do Mar, unha das citas máis agardadas do verán na vila, que se celebrará os días 8 e 9 de agosto na contorna da Barca.
O alcalde de Muxía, Javier Sar, a tenente de alcalde e concelleira de Cultura e Festas, Sandra Vilela, e a técnica municipal de Cultura, Miriam Caril, presentaron esta mañá o cartel desta décimo oitava edición, que terá como broche de ouro o concerto de Luar na Lubre, encargado de pechar a programación na noite do domingo.
Como cada ano, o Mercado das Rutas do Mar converterá Muxía nun gran escaparate da súa tradición mariñeira, ofrecendo unha ampla programación pensada para todos os públicos. Veciñanza e visitantes poderán gozar de animación musical ao longo de toda a fin de semana, sesións de contacontos, espectáculos de rúa e numerosas actividades que recrearán o ambiente mariñeiro que caracteriza esta celebración.
Ademais, o mercado contará cunha ampla representación de postos de artesanía e de gastronomía, nos que será posible descubrir produtos tradicionais e degustar deliciosas elaboracións culinarias preparadas para a ocasión.
Como novidade desta edición, o domingo celebrarase a tradicional degustación de peixe, que chegará acompañada dunha sorpresa especial preparada para este 2026, da que o Concello irá dando máis detalles nas vindeiras semanas.
O peche desta décimo oitava edición correrá a cargo do histórico grupo galego Luar na Lubre, que ofrecerá un concerto moi especial na noite do domingo, poñendo o broche final a unha fin de semana dedicada á cultura, á tradición e ao mar.

Prazo de inscrición
As persoas interesadas en participar no XVIII Mercado das Rutas do Mar poderán presentar a súa solicitude do 6 ao 24 de xullo, tanto a través da Sede Electrónica do Concello de Muxía como de maneira presencial no Rexistro Xeral do Concello.
Así mesmo, o Concello convoca a todas as persoas inscritas a unha reunión organizativa, que terá lugar o 27 de xullo, ás 19.00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello, co obxectivo de coordinar todos os aspectos organizativos desta nova edición.
Desde o Concello de Muxía anímase a artesáns, produtores e entidades a formar parte dunha cita que ano tras ano continúa consolidándose como unha das grandes referencias do calendario estival da Costa da Morte, combinando patrimonio, cultura, gastronomía e música nun escenario único como é a vila da Barca.
