Viki Rivadulla ilustra “Indómitas”, o novo libro-disco de Uxía sobre Begoña Caamaño
Esta pasada fin de semana, co gallo das Letras Galegas, Uxía presentaba en Vigo, co gallo das Letras Galegas, o seu novo libro-disco, “Indómitas”. Foi unha xornada preciosa, un concerto cheo de emoción e moita sensibilidade, con momentos tan máxicos como a posta en escena do himno “Begoñísima” cantado con Malvela e o público entregado.
Un traballo dedicado a Begoña Caamaño que chega cunha fermosa edición no que son protagonistas dúas costeiras. Polo lado musical, Antía Ameixeiras de Caamaño&Ameixeiras, colabora nun dos temas coa súa voz e o violín. Polo lado visual, as características mulleres atlánticas de Viki Rivadulla son as protagonistas da imaxe.
Non puido dicir que non a artista muxiá a esta encarga que Uxía tiña tanto empeño en realizar, i é que Begoña foi a súa amiga da alma.
Mentres remataba as Mouras da súa última exposición, Viki traballou arreo para sacar adiante as “Indómitas”, bebendo e inspirándose das músicas que lle ía enviando a artista de Mos.
“Para min este proxecto era un soño porque adoro a Uxía, a matriarca da nosa música”, recoñece a propia Rivadulla. “Adoro a súa voz, o seu compromiso en todas as loitas (co feminismo, co idioma, coa cultura, co noso territorio...), o seu traballo coas músicas do mundo, a súa xenerosidade con outras creadoras e creadores….” Ademais, Viki valora que Uxía “comparte con Begoña Caamaño esa sororidade que converte sempre os seus proxectos en algo colectivo e para a colectividade”.
Porque Viki tamén adora a Caamaño, a quen lle dedicou xa en 2014 unha das súas primeiras entregadas da serie Galería Mulleres da Biblioteca da Muller de Muxía. “Tamén me gustou especialmente este traballo porque comparto con Begoña en todo o meu traballo a visión feminista, e ese facer para o colectivo e para o futuro, ese facer vimbios para cambiar o mundo. Tamén ela e Uxía son mulleres mariñas, compartimos universo creativo e vital”.
As ilustracións foron saíndo, e foron gustando, e aquí traemos parte do seu traballo.