Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Aberto o prazo para a libre e "voluntaria" Travesía A Nado de Valarés

Cartel VI Travesía a nado - Valarés 2024
Aberto o prazo para a libre e "voluntaria" Travesía A Nado de Valarés

Un ano máis, a Agrupación Deportiva Abellariza de Ponteceso, organiza o domingo 21 de xullo a VI Travesía a nado na praia de Valarés (Ponteceso). Este ano volvendo as orixes deste evento deportivo e sen formar parte de ningún circuíto de competición.

A proba conta, coma en anos anteriores, con dúas distancias: percorrido curto (1600m) dende a praia Area das Vacas ata Valarés e o percorrido longo (3200m) circular de Valarés a Area das Vacas e regreso a praia de Valarés. O proceso de inscrición está aberto na páxina web de Galitiming  e pecharanse cando se esgoten as prazas ou con data límite o mércores 17.07.2024. O importe da inscrición é de 20€ no que se inclúe: participación, bolsa da proba, gorro, avituallamento na meta, clasificación e tempo de chegada con chip e seguro de accidentes. Nesta edición os premios serán experiencias e agasallos de comercio local.

A singularidade desta travesía a nado é o apoio masivo do voluntariado, que dende primeira hora da mañá enchen a praia para que todo saia segundo o previsto, e elaboran con moito cariño a exquisita paella que ao final da xornada degustan nadadoras e nadadores.

"A travesía a nado de Valarés é máis que un evento deportivo, é unha fermosa escusa para gozar dunha xornada festiva nun dos paraísos da Costa da Morte", avisan. Polo que dende Abellariza animan "non só aquelas persoas que practiquen a natación en augas abertas, senón a todas aquelas que queiran achegarse a pasar un domingo diferente".

Agradecen a colaboración da Deputación da Coruña, do Concello de Ponteceso e do Concello de Cabana de Bergantiños, así como de empresas da bisbarra e todas as persoas voluntarias que ceden o seu tempo desinteresadamente para que eventos coma este sexan un éxito.

Comentarios