Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Carballo acolle dous grandes espectáculos de autocross neste mes

  • Este sábado 8 de xuño dispútase no circuíto de Bértoa a terceira do campionato galego e o 13 de xullo, a cuarta do estatal
autocross Carballo presentacion
O alcalde, Evencio Ferrero, os membros do Comité organizador, Ernesto Rumbo e Juan Fernández, e o concelleiro de Deporte, Daniel Pérez.
Carballo acolle dous grandes espectáculos de autocross neste mes

O autocross volve ao circuíto municipal de Carballo por partida dobre: este sábado dispútase a terceira proba do campionato galego e o 13 de xullo, a cuarta do estatal.

Este sábado, o circuíto de Bértoa acollerá o seu 18º autocross. “Isto é froito do xerme que plantamos moitos anos atrás e que, co apoio do Concello de Carballo, estercamos, regamos e collemos as colleitas. Hóuboas mellores e peores, pero estou convencido de que recuperaremos o ritmo coa implicación do concello”, dixo Ernesto Rumbo, que manifestou tamén: “Nós intentamos dar a Carballo o que Carballo nos dá a nós”.
De feito, Juan Fernández asegurou que, aínda que non o son, os dous representantes do comité organizador “sentímonos carballeses pola boa disposición do Concello de Carballo. Noutros concellos o autocross ten posta unha cruz moi grande”, engadiu. Ernesto Rumbo incidiu en que Carballo “hoxe en día é un referente importante”, como demostra a gran expectación que está espertando o campionato de España de xullo ou o feito de que na carreira deste sábado vaian participar 53 pilotos, igualando a cifra máis alta da temporada.

As cifras de participación están lonxe das de anos atrás en todos os circuítos, pero no caso de Carballo “imos poñer da nosa parte para recuperar
as cifras de ata cen inscritos que houbo hai uns anos”, manifestou Rumbo. Nese sentido engadiu que o galego será “un aperitivo do nacional”, no que se agarda unha gran participación.
 

Comentarios