Venres. 19.04.2024
El tiempo

Carballo organiza o seu 1ª Clínic de Baloncesto

A Laracha acolle unha proba de minibasket
Carballo clinic_baloncesto
Carballo clinic_baloncesto
Carballo organiza o seu 1ª Clínic de Baloncesto

90 adestradores de baloncesto participarán este sábado no 1ª Clínic Concello de Carballo. Todo un éxito de convocatoria para esta iniciativa artellada pola Concellería de Deportes e a Escola Basket Xiria, e conta coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto no marco do programa da Escola de Adestradores impulsada polo club carballés e dirixida por Fernando Buendía, que, aínda que hoxe non puido asistir á presentación, foi o responsable da confección do cartel.

O pavillón Vila de Noia recibirá referentes do basket estatal como o coruñés Óscar Lata Alonso, que vén de fichar como adestrador do Melilla. Un Lata con pasado verde, pois xa dirixiu ao Basket Xiria dende o 2004 ata o 2006 e foi un dos artífices do ascenso a Liga EBA.

Lata non faltou á presentación, recoñecendo que “a verdade é que me fai unha ilusión especial estar nesta primeira edición, que oxalá sexan moitas máis, e formar parte do cartel”.

O presidente da Escola Basket Xiria, pola súa banda, agradeceu a predisposición do Concello de Carballo para poñer en marcha esta iniciativa. “Creo que temos capacidade para que se consolide, e penso que lle vai dar visibilidade ao deporte carballés, ao Basket Xiria e a Carballo”.

Ademais de Lata (falará ás 18.30 cun relatorio sobre "Xogo de cara, busca de solucións individuais”), tamén estarán como ponentes Víctor Tomás Pérez Bermúdez, (Santiago, 1973), adestrador axudante do Obradoiro (ás 12.00 horas falará sobre "Traballo específico das mans para a mellora dos xogadores”), e José Ramón «Jota» Cuspinera Diéguez (Getxo, 1970), adestrador de clubs como Estudiantes, Baskonia, Fuenlabrada ou Real Madrid (falará ás 16.30 horas do "Uso de espazos para o desenvolvemento do xogador”.

Minibasket na Laracha

O evento foi presentado hoxe no Concello co tenente alcalde -José Ramón Martínez Barbeito-, a concelleira de Deportes -Patricia Bello- e o técnico de Deportes -Miguel Barbeito- como representantes municipais, o Vicepresidente Primeiro da Federación -José Manuel Villamarín- e o presidente -Eliseo Belo- e director deportivo -Sito Cabado- do C.B. Laracha.

Xa o domingo, a atención do balón laranxa vaise ao concello de veciño da Laracha, onde se celebra unha Xuntanza de Preminibasket de ámbito autonómico, organizada pola Federación Galega de Baloncesto e o Club Baloncesto Laracha coa colaboración do Concello.

Daranse cita na Laracha 250 nenos nados nos anos 2012 e 2013 que conforman tanto as seleccións galegas masculina e feminina da categoría como as seleccións de cada unha das delegacións xeográficas zonais: A Coruña, Arousa, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo.

Comentarios