O Club Arte e Movemento prepara un trío de campionatos internacionais

Aalyah Louro e Soraya Santos do Club Arte e Movemento no pasado Mundial

Semanas de vertixe para a familia ceense do Club Arte e Movemento. Albíscase un peche de tempada de alta competición coa participación dos seus deportistas en dúas citas fundamentais a nivel nacional e internacional.

O primeiro desafío terá lugar esta fin de semana (29 e 30 de novembro) en Guadalajara, coa celebración do Spanish Open, evento que inclúe o Campionato de España de 10 Bailes e o Campionato de España de Bailes Caribeños.

O club, dirixido pola Xuíz e Adestradora Internacional Graciela Toba, logrou clasificar a un número significativo de deportistas en ambas as especialidades. Un fito para destacar é que catro dos seus deportistas competirán no Campionato de 10 Bailes e o de Bailes Caribeños durante o mesmo fin de semana, o que subliña un nivel de disciplina e resistencia física extraordinario.

"Estamos moi orgullosos da evolución dos nosos deportistas. Este Campionato de España é a proba de lume de meses de disciplina e paixón, e esperamos demostrar o traballo feito, xa na pista," afirma Graciela Toba.

Representación Española en Istambul

Apenas unha semana despois, a atención centrarase no Campionato do Mundo de Bailes Caribeños que se celebrará en Istambul (6 e 7 de decembro). Arte e Movemento, club recoñecido polos seus éxitos a nivel nacional en Bailes Caribeños, clasificou a 14 deportistas que serán os encargados de representar a España neste mundial.

A participación consecutiva en ambos os campionatos subliña a posición de Arte e Movemento como un referente no baile deportivo a nivel nacional.

Máis novas