Gran participación costeira nos Campionatos Galegos de Tiro con Arco
Esta pasada fin de semana disputouse en Pontevedra o Campionato Galego de Tiro con Arco ao aire libre. Alí estiveron Santi Soneira (do Su A Agra) ademais dunha expedición completa do Club deportivo Flechas por un Tubo de Ponteceso e unha pequena representación do vimiancés DousxSetenta.
O eterno arqueiro baiés estivo por partida doble, o sábado como xuíz, e o domingo participando e sacando toda unha medalla de bronce na máxima categoría.
Ponteceso
Pola súa parte os pontecesáns conseguiron sumar 4 podios. O sábado, a pesar da néboa matinal, os arqueiros pontecesáns lograron pasar o corte e pasar á fase eliminatoria, na que Mateo Puente Balsa, da categoría Benxamín Masculino, acadou a medalla de bronce.
En infantil feminino Lucía Castro Fondo (medalla de bronce na edición de sala) acadou a medalla de prata e o subcampionato, Leonor Andrade Varela (Campiona Galega na edición de sala), acadou a medalla de bronce. As dúas viñan de representarnos coa Selección Galega no campionato de España por equipos de comunidades autónomas en idade escolar, acadando un merecido 6º posto.
O domingo na categoría cadete masculina, Pedro Álvarez Pailos de Corme, a pesar do sol e calor que nos acompañou durante a xornada, logrou a medalla de prata e o subcampionato Galego.
Tanto Lucía, como Leonor e Pedro representarán á Costa da Morte no próximo campionato de España no mes de xullo.
O Dous x Setenta
O club vimiancés colleitaba un subcampionato cadete e un bronce sénior. A cadete Paula Vázquez chegaba como campiona, e na repetición da final do ano pasado, acabou quedando por detrás de Antía Docampo, arqueira do club local Boa Vila.
En categoría sénior masculina Jose Vázquez caía en Cuartos, sendo a medalla de bronce para Manuel Soto, que caia en semis.
Tamén competiron os alevíns Nico Soto, que non tivo o seu mellor día e non puido pasar o corte para entrar en eliminatorias, e Nico Ínsua, que se clasificou para semifinais acadando a 4ª posición da categoría.