Venres. 19.04.2024
El tiempo

Os concellos interésanse pola eficiencia enerxética

Os concellos interésanse pola eficiencia enerxética
deputación-eficiencia-enerxetica A Deputación da Coruña organizou onte unha xornada de asesoramento sobre as liñas de axuda para proxectos de eficiencia enerxética O presidente da Deputación da Coruña, acompañado do reitor da UDC, Julio Abalde, e da xefa de coordinación e apoio ao aforro e a eficiencia enerxética do IDAE, Francisca Rivero, inaugurou onte no Paraninfo da Universidade da Coruña unha xornada para asesorar aos concellos sobre as liñas de subvención existentes para proxectos de mellora da eficiencia enerxética. O acto, organizado pola fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación, estaba dirixido a alcaldes, concelleiros, técnicos municipais e outros membros das administracións locais, así coma a empresas do sector e consultoras de toda Galicia. González Formoso destacou a importancia do tema que se aborda durante a xornada de onte e considerou “un gran reto reducir a factura eléctrica de institucións e empresas e facelo ademais de xeito sostible”. Neste sentido, fixo referencia a que o custo medio da factura eléctrica dun concello rural supón ao redor dun 10% do seu orzamento anual, superando incluso os gastos persoal en moitos casos. A esta situación contribuíu tamén, segundo o presidente provincial, “o incremento do prezo da enerxética en máis dun 100% na última década”. Recursos Ante esta problemática, González Formoso detallou algúns dos recursos que a Deputación pon a disposición dos municipios coruñeses para mellorar a súa eficiencia enerxética e reducir a factura da luz. Un dos instrumentos principais é a FAEPAC, que cada ano asesora nesta materia a numeroso municipios coruñeses, logrando importantes aforros. Asemade, a Deputación sacou o ano pasado por primeira vez un plan destinado integramente ao Medio Ambiente, o PMA, onde unha das liñas principais e reducir o custo e as emisións de dióxido de carbono nas instalacións eléctricas dos concellos. Tamén detallou que en programas xeralistas coma o Plan Único, no que son os concellos os que deciden os seus investimentos prioritarios, cada vez é máis frecuente que aposten por inversións relacionadas coa eficiencia enerxética. Así, por exemplo, na área coruñesa, varios municipios apostaron por proxectos deste tipo, coma a instalación de luminarias LED, a instalación de envolventes térmicas ou a renovación de caldeiras, cunha inversión cercana aos 800.000 euros. González Formoso lamentou a ausencia de INEGA, dependente da Xunta de Galicia, nestas xornadas, afirmando que “aínda que a colaboración administrativa adoita funcionar adecuadamente, en outros ámbitos como o da eficiencia enerxética parece que non se está a facer todo o necesario”. Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, destacou que “na UDC queremos ser eficientes como institución e tamén aportar coñecementos e formación á sociedade”. Neste sentido, subliñou que no campus industrial de Ferrol “formamos a técnicos en diferentes especialidades que se dedican profesionalmente a mellorar a eficiencia enerxética en institucións e empresas”. A xefa de coordinación e apoio ao aforro e a eficiencia enerxética do IDAE, Francisca Rivero, considerou que as axudas do FEDER supoñen “unha oportunidade de transformar as súas cidades para os alcaldes e gobernos municipais” e repasou ao longo da mañá as distintas liñas existentes para que os concellos poidan poñer en marcha estes proxectos. A xornada rematou coa intervención do deputado provincial (e alcalde de Zas) Manuel Muíño, quen destacou o interese da Deputación da Coruña na mobilidade alternativa e non só apoiando as vías ciclistas senón tamén a través do impulso ás novas modalidades de transporte que reducen a contaminación. “Atopámonos diante dun novo escenario onde as persoas consumidoras, tanto institucións coma cidadáns, teñen que adoptar un papel máis relevante, pasando de consumidores a prosumidores”, destacou Muiño na súa intervención. “Neste período de transición enerxética, témonos que afacernos ás novas tecnoloxías, isto é o máis doado, na meirande parte das veces. Todos somos testemuñas da consolidación do LED como fonte de iluminación ou do uso da biomasa en calefacción, pero isto no é todo. Coma prosumidores tamén teremos o noso papel na xeración enerxética, sobre todo co autoconsumo fotovoltaico, que ten que acabar por consolidarse”, defendeu o deputado na clausura da xornada ao tempo que avogou pola formación social na reciclaxe e do uso eficiente das novas tecnoloxías. Mostrou, para rematar, o seu recoñecemento ao labor de FAEPAC e, en especial, na promoción de iniciativas coma esta que contribúen a “coñecer de primeira man todo o que ten que ver co novo escenario enerxético e permitan que os concellos galegos acaden índices de eficiencia superiores”. Fonte

Comentarios