Os partidos do Xiria, na tele
 
           Captura da Plataforma de R onde se poden ver os partidos do Balonmán Xiria pola tele
 Captura da Plataforma de R onde se poden ver os partidos do Balonmán Xiria pola tele
Impresionante vai ser seguir os partidos o Balonmán Xiria pola televisión. O club carballés vén de anunciar, xunto con R, a nova plataforma de televisión multicámara de R, que lle permitirá emitir os seus partidos en directo, a través de streaming. Onte presentábase en sociedade ante unha máxima expectación esta pioneira experiencia na que o espectador pode escoller, entroutras cousas, o tiro de cámara que prefire en cada intre do partido.
Coas catro cámaras desta tecnoloxía, o club convértese en realizador do partido e mesmo pode personalizar a interface do evento; unha das cámaras é virtual e controlada por intelixencia artificial segue pola súa propia conta os avatares do partido.
Pioneiros
 Presentación da nova canle de televisión do Balonmán Xiria
 Presentación da nova canle de televisión do Balonmán Xiria
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a súa satisfacción pola “importancia de que sexa un club carballés o pioneiro en Galicia no aproveitamento das vantaxes desta innovadora plataforma de televisión multicámara”.
Pola súa banda Ricardo Añón, Secretario das Escolas de Balonmán Xiria, expresou así mesmo o seu orgullo porque no clube sexan “pioneiros no uso da plataforma de televisión multicámara de R, coa que socios e afeccionados poderán desfrutar na televisión dos encontros do club e personalizar o xeito de ver os encontros dos seus equipos”.
Como ver os partidos?
Os clientes da televisión R terán dispoñibles os encontros do Xiria a través do deco 4K do operador galego. Terán unha app instalada chamada “deportes R” na que ver en calquera momento os contidos dispoñibles e velos con toda comodidade, pausándoos, rebobinándoos ou avanzando. As emisións dos partidos do Xiria na televisión R comezarán o 15 de decembro.
O sistema tamén permite dispoñer dunha aplicación para Android ou iOS na que desfrutar de calquera evento deportivo gravado por esta plataforma a través do móbil.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
 
       
       
             
             
         
           
          