Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Deputación recoñece o Festiletras como a gran festa das letras

A Deputación recoñece o Festiletras como a gran festa das letras
Xose Maria Varela con Goretti Sanmartin e co alcalde de Ponteceso na presentacion do Festiletras na Deputacion Xose María Varela, Goretti Sanmartin e o Lois Carballido na presentación do Festiletras na Deputacion

Cumprido recoñecemento da Deputación da Coruña ao Festiletras. En pleno desenvolvemento, o ente provincial quere facer o seu recoñecemento a esa aldea do Couto que, con sesenta casas, se converte un ano máis nun dos máis relevantes centros da conmemoración do Día das Letras Galegas. Todo, no ano no que a homenaxe de Carlos Casares conflúe co centenario da morte de Eduardo Pondal.

Esta mañá, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, o alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido e o xerente da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela presentaron esta mañá o programa que se desenvolve até o vindeiro día 21 de maio.

“Poucos programas culturais son tan ambiciosos como este, que se celebra nunha pequena aldea mais que ofrece un programa de altísima calidade e con implicación tamén de toda a veciñanza”, dixo Goretti Sanmartín na súa intervención en que mostrou a satisfacción de poder participar nunha iniciativa en que destacou concertos como os de Guadi Galego, Uxía e Joao Afonso ou Luar na Lubre ademais de actividades literarias e artísticas, como a exposición en homenaxe a Paco Souto de Vicki Rivadulla ou o recoñecemento de Asunción Antelo, a Rexoubeira de Bergantiños, unha figura moi querida na comarca.

Agradeceu Goretti Sanmartín o traballo da Fundación Eduardo Pondal, a A.C. Monte Branco e o Concello de Ponteceso que conseguiron que “a aldea do Couto sexa unha grande referencia cultural, cunha programación con grande repercusión e coñecida en todo o país”, dixo, antes de facer un convite para participar nas actividades da iniciativa coa que colabora a Deputación da Coruña colabora a través de distintas iniciativas entre elas o concerto de Luar na Lubre que pecha o programa.

Pola súa parte alcalde, Xosé Lois García, destacou a “grande potencialidade económica” da cultura para o concello e valorou a implicación dos empresarios con eses 103 marcapáxinas que se entregan en cada establecimento.

Finalmente, o xerente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé María Varela, destacou que o Couto, con sesenta casas, experimenta unha “transformación” na semana das letras. E avisou: “Lanzamos a proposta que o centenario tería cen actividades culturais e despois do Festiletras teremos alcanzado xa as setenta”, deixando ver que o ano aínda ten moitos meses para chegar aos #100actosporPondal.

Novas relacionadas

Máis Programas das Letras Galegas 2017

Fonte

Comentarios