"As Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, poden axudar a desenvolver e sacar adiante un reto como o de #QPCRexenera".
- "A xestión e a ordenación do territorio é unha prioridade estratéxica para a Fundación Juana de Vega".
- "Creo que nun momento como este, a xente está máis concienciada para participar e buscar solucións, pero é importante ter continuidade".
Enxeñeiro forestal natural de Dumbría, técnico da Fundación Juana de Vega (entidade xa presente na comarca con proxectos tan fermosos como ese O Couto Florido), e ademais xogador do Fútbol da Costa. Unha das persoas ideais para poder falar de rexeneración forestal arredor do proxecto #QPCRexenera é Daniel Canosa. Xa conta con experiencia en procesos de Agrupación de Xestión Conxunta como o realizado na Croa, en Camariñas.
Así, despois da fermosa experiencia vivida no Cairo con ese Triangular Solidario e de homenaxe aos brigadistas e tractoristas que nos salvaron dos lumes de Corme e Ponteceso, falamos con el facendo unha reflexión sobre o monte que queremos no noso país, e sobre cales podes ser os seguintes pasos para unha rexeneración axeitada dos montes afectados na zona pondaliana.
- Antes de nada, gracias pola disponibilidade para colaborar neste #QPCRexenera, tanto a nivel persoal como por parte da Fundación Juana de Vega. Por que cres que é importante un proxecto así?
É moi complicado a coordinación e mobilización social, e aínda que nos damos conta das necesidades que a veces observamos no territorio, que derivan en catástrofes como a que vimos sufrindo este verán, individualmente non somos capaces de atopar solucións. Así que é importante apoiar ás iniciativas que tratan de facer esa labor e axudar a que haxa algún cambio visible para o territorio que involucre a máis xente.
- A Fundación Juana de Vega, e ti en particular, xa tes experiencia en proxectos de ordenación forestal. Cóntanos como foi o traballo na Croa de Camariñas? Como se artella un proxecto así?
A xestión e a ordenación do territorio é unha prioridade estratéxica para a Fundación Juana de Vega na que damos apoio a través de diferentes proxectos como Comunidades Activas y Paisajes Resilientes a Incendios Forestales y Cambio Climático (CAPRIF-CC) ou Paisactivo, que nos permite traballar da man das comunidades locais de distintas zonas de Galicia como Barbanza, Courel ou Macizo Central en procesos de planificación e xestión do territorio desde o punto de vista da resiliencia fronte a lumes e da dinamización de iniciativas de emprendemento vinculado.
Para articular proxectos deste tipo, penso que o fundamental é involucrarse, traballar man a man coa xente, escoitalos, e a partir de aí ter a confianza das persoas propietarias e a veciñanza, que ao final son os que teñen que decidir o mellor para o seu monte. Obsérvanse moitas situacións diferentes, titulares que xa non viven nas aldeas, herdanzas bloqueadas, descoñecemento de onde están as leiras, etc. Polo tanto, para poder ter unha ordenación efectiva, hai que contar co apoio dun gran número de persoas que se involucran e tratan de resolver todas estas situacións.
No caso da Croa, despois de varios anos traballando cunha directiva moi implicada, estamos nun momento onde temos presentados proxectos que van a facer traballos concretos nos montes, e iso vai a dar un gran impulso para agrupar a máis xente. Aínda así, todo o traballo oculto que houbo para chegar a este punto non adoita verse, e polo tanto hai que poñer en valor ás persoas que apoiaron desde o primeiro día esta iniciativa. Estase co rexistro da Agrupación de Xestión Conxunta, e revisando e actualizando as persoas involucradas ímonos achegando aos 100 socios, con máis de 100 hectáreas vinculadas só á parroquia de Camariñas. Con esta base, poderase presentar propostas de xestión viable, incluíndo o coidado da zona de Rede Natura 2000.
- Que cres que se pode facer nun territorio como o de Corme e Ponteceso, afectados polos lumes?
Pois considero que máis aló das ideas que me podo facer da situación, sería importante primeiro falar coas persoas propietarias e ver realmente cal é o problema de fondo. A experiencia que teño en proxectos por moitos lugares de Galicia dime que a maioría se poderán resolver. O importante é que a xente faga un esforzo que deixe algo visible, senón acaba desconectándose e volvendo ao que xa había, que en moitos casos foi a mellor solución que atoparon para o problema que hai. E hai que concienciarse de que non é unha cuestión de facelo a primeira vez, senón ser capaces de mantelo.
A necesidade de agruparse ou coordinarse para xestionar o monte si que a vexo imprescindible, porque individualmente é complicado chegar a ter unha prevención que pare o lume. Para iso, as figuras da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, como as Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, poden axudar a desenvolver e sacar adiante un reto como este. Desde a Fundación Juana de Vega, coa experiencia adquirida, tamén se está apostando por axudar neste tipo de iniciativas de gran utilidade para a ordenación dos recursos forestais.
Recalco o traballo da Fundación porque observo esa falta de apoio para sacar adiante procesos deste tipo, e tampouco se lle pode exixir as persoas que, sen unhas ferramentas axeitadas para organizarse, falar e chegar a consensos, resolvan todos os problemas aos que se enfrontan.
- A agrupación de parcelas, debido ao alto número de propietarios, sempre é un dos puntos complicados para facer un proxecto así, verdade? Como se coordina esa agrupación de territorio, nunha zona onde ademais, no canto de facer unha concentración parcelaria, se fixo unha parcelación?
Pois con traballo, continuidade, e contando coa veciñanza e os propietarios. Respecto á concentración ou parcelación, penso que o foco debe estar no número de propietarios. Sen o coñecemento e os contactos deles é complicado chegar a unha maioría que permita facer algo que cambie realmente a situación, independentemente de se o tamaño é un pouco maior ou menor. Ademais, deben poñerse de acordo para planificar algo efectivo para o lume, polo que hai que ser conscientes que a veces son procesos que levan o seu tempo.
Tamén está a labor e o apoio das administracións, que máis aló do cumprimento normativo e as oportunidades que se ofrecen hoxe en día, poden dar respaldo estes procesos xerando confianza.
- Sabemos que falamos dun proxecto a longo percorrido, no que ademais queremos converxer con outras iniciativas paralelas formuladas pola Fundación Monte Branco no propio miradoiro do Monte Branco ou polo Concello de Ponteceso en Corme Aldea. Para que a xente vaia contando, durante cantos anos podería desenvolverse un proxecto así?
Non hai receitas que digan canto se tarda, vai depender da continuidade, da capacidade, das persoas que estean detrás, da dispoñibilidade de tempo que se poña, etc. Creo que nun momento como este, a xente está máis concienciada para participar e buscar solucións, e os tempos son menores. Se se comeza a artellar algo neste ano, e se involucran ás persoas propietarias e a veciñanza, en si poderíase comezar a traballar en prazos relativamente curtos.
Pero recalco de novo que é importante unha continuidade nos procesos que deixe un cambio que se vexa no monte, e que hai que pensar en solucións que se vaian a manter no tempo, polo que a veces é bo asentar ben o que se quere facer, traballar de xeito transparente, e xerar confianza primeiro. Despois todo vai rápido e adoita ser frutífero.