O alumnado do IES Eduardo Pondal que participará no GaliciaSkills 2025

O alumnado do IES Eduardo Pondal participará no GaliciaSkills 2025
Volve o IES Eduardo Pondal de Ponteceso enviar ao seu alumnado máis implicado ao campionato GaliciaSkills 2025, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de outubro de 2025 no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda.
Nesta edición, o centro contará cunha destacada representación das familias profesionais de Transporte e Mantemento de Vehículos e Servizos Socioculturais e á Comunidade, sendo a primeira vez que esta última participa, apenas catro anos despois da súa implantación no instituto.
O alumnado competirá nas seguintes modalidades: Luis Guillermo González-Botas por Pintura, Alberto Vieites por Tecnoloxía do automóbil, Brais Docampo por Tecnoloxía do vehículo industrial e agrícola, Aarón Pérez por Carrozaría e Helena Vázquez por Atención Sociosanitaria.
O GaliciaSkills é o campionato autonómico de Formación Profesional no que participan os e as mellores estudantes de FP de Galicia, servindo como escaparate do talento, da excelencia e das oportunidades profesionais deste nivel educativo. Ademais, ofrece a posibilidade de acceder aos campionatos estatais (SpainSkills) e representar a Galicia en competicións internacionais.
A directora do IES Eduardo Pondal manifestou estar moi orgullosa da alta participación e profundamente agradecida tanto ao alumnado participante como aos seus titores e titoras, docentes do centro, polo esforzo e polas numerosas horas dedicadas á preparación para este campionato.
Longa traxectoria na vangarda da FP
Hai dous anos, o IES Eduardo Pondal celebrou a vitoria de Borja Vázquez, alumno gañador na modalidade de Carrozaría, representando a Galicia no SpainSkills, un recordo que inspira a nova promoción de competidores. Con todo, o espírito do GaliciaSkills vai máis alá dos premios: trátase de vivir a experiencia, compartir coñecementos e amosar o valor da Formación Profesional. O IES Eduardo Pondal reafirma así o seu compromiso coa calidade educativa e coa proxección do talento do seu alumnado.