Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Asociación Cultural Insua de Viastela lembra a Xosé Manuel Ferreiro Chans cun ciclo de cine documental

mostra cine insua viastela
A Asociación Cultural Insua de Viastela lembra a Xosé Manuel Ferreiro Chans cun ciclo de cine documental

Xosé Manuel Ferreiro Chans (falecido en 2017) foi un histórico activista veciñal da vila de Corme, apaixoado do cine e gran divulgador do sétimo arte. De aí que a Asociación Cultural Insua de Viastela queira lembralo artellando a seguinte actividade: I Ciclo de cine documental Xosé Manuel Ferreiro Chans.

A primeira cita será a proxección, este venres ás 18:00h, do documental "Hombres de Arán" no Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte, (o MACCMO de Corme reabre as súas instalacións durante a Semana Santa para recibir visitantes, dende o martes, día 12 deste mes, ata o domingo 17, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00, e tamén o domingo de 11.00 a 14.00) .

Os actos serán abertos polo Alcalde do Concello de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, o presidente da nosa Asociación, Suso Lista Neira e o director de cine cormelán, Chema Gagino. Despois do documental abrirase un espazo para o coloquio coa presenza do director de cine cormelán Chema Gagino, premio Mestre Mateo 2022 ao mellor documental.

SInopse de “Hombres de Arán” (1934):

Documental sobre a vida cotiá dos habitantes das Illas Arán. Amosa a loita diaria pola supervivencia, o enfrontamento entre o home e a natureza e, sobre todo, o duro traballo no mar, realizado por homes que consideran que morrer afogado é a obrigada homenaxe que hai que render ao monstro do mar. Céntrase nas tarefas cotiás dunha familia de insulares: cavar buratos na rocha viva e enchelas de terra para que poidan plantar as súas escasas colleitas, recoller e transportar algas, a saída dos homes ao mar, o sufrimento e a constante ameaza de perigo e privación.

Comentarios