O BNG de Ponteceso promete mellorar o aparcamento para apoiar ao comercio local
10:03 22/12/22
A falta de aparcamento na zona comercial é unha das reivindicacións históricas do sector económico pontecesán. E esa é a primeira promesa electoral que fai a candidata á alcaldía de Ponteceso polo BNG, Fátima Rodríguez, no marco da campaña que o grupo a nivel nacional vén de lanzar de apoio ao comercio local.
O grupo considera que ps problemas de aparcamento débense principalmente á baixa rotación actual, chegando a ocasionar problemas de conxestión e segundas filas en varias vías. Para conseguir isto desenvolvererán un plan de actuación baseado en varias accións:
- ”Mellorar a mobilidade nas vías anexas a estas zonas de maior presión para incrementar o número de prazas de estacionamento dispoñíbeis”.
- ”Habilitar novas áreas de aparcamento acondicionadas utilizando fórmulas como o comodato que tan bos resultados dá en outros concellos como Carballo, facilitando un espazo de estacionamento prolongado con elementos de protección que farán atractivo o seu uso fronte ao estacionamento na calzada”.
- ”Adecuar as áreas de aparcamento existentes e promovelas instalando sinais nas vías principais para informar claramente da existencia e localización destas”.
- ”Desenvolver as superficies de aparcamento reservadas no PXOM”.
A campaña pretende ser un reclamo para animar á cidadanía a mercar no comercio de proximidade este Nadal e, sempre que fose posíbel, mercar produto local.