Cadelar trae de novo ás escolas da bisbarra a súa singular proposta de lectura asistida con cans
08:05 07/06/18
Xa coñece a moitos alumnos da comarca, pero parece que Nuba quere coñecer moitos máis. A fermosa cadela do proxecto Cadelar volve á bisbarra. Farao nun singular obradoiro de lectura que se desenvolverá o vindeiro mércores 14 de xuño na Biblioteca de Ponteceso.
Con esta novidosa e pioneira iniciativa preténdese proporcionar aos cativos/as un ambiente relaxado e tranquilo xunto a un compañeiro moi divertido e “peludo” co que ademais de poñer en práctica as súas habilidades lectoras fomentarán a súa capacidade comunicativa e de interacción social.
A actividade, que será de balde, está dirixida a nenos e nenas de 6 a 8 anos de idade con ganas de vivir unha experiencia extraordinaria e inesquecible. Para participar tan só é preciso cumprir uns requisitos básicos que pasan por non ter medo aos cans, non padecer alerxias aos animais e estar dentro da franxa de idade establecida.
O obradoiro estará dirixido por Julia e Irene, expertas en intervencións con cans no ámbito infantil e xuvenil con máis dunha década de experiencia.
As persoas que estean interesadas en participar deberán anotarse no Centro Veterinario A Ponte chamando ao teléfono 881 982 475. Para garantir a participación de todos os/as asistentes e asegurar un maior aproveitamento da clase, establécese un aforo máximo de 15 nenos/as.