xoves. 14.11.2024
El tiempo

O alcalde de Ponteceso entregou as chaves do coche de Protección Civil a un voluntario que nunca sacara o carnet

Coche de Proteccion Civil de Ponteceso
O Coche de Proteccion Civil de Ponteceso
O alcalde de Ponteceso entregou as chaves do coche de Protección Civil a un voluntario que nunca sacara o carnet

Como é posible que unha persoa sen carnet estea conducindo un vehículo público dunha Agrupación de Voluntarios de Protección Civil? En Ponteceso pode pasar de todo.

Para situarnos cómpre volver a 2020 e sumerxirnos no marco da crise do PSOE pontecesán. Coa saída do grupo municipal socialista de varios dos Concelleiros por desavenencias co alcalde (dos 24 edís que o acompañaron nas dúas últimas lexislaturas só queda 1 para as listas deste 2023), o propio Lois Carballido emitía en outubro dese ano un decreto no que, desoíndo á elección da Asemblea da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ponteceso, apartaba ao Presidente e ao Vicepresidente (un dos edís que tiveron que pasar ao grupo dos non adscritos) das funcións na Agrupación, entregándolle as chaves da nave e do vehículo a outro voluntario.

Dende esa data, J. M. G. A. comezaba a usar o vehículo municipal de Protección Civil as 24 horas do día, estando habitualmente aparcado na súa casa, nas tabernas ou diante do colexio, onde facía labores diarias (a pesar de non estar contratado, pois falamos dun servizo voluntario) de regulamento do tráfico para a entrada dos escolares.

Pero hai dende hai un par de semanas a ausencia deste voluntario (tanto na vida diaria, da candidatura actual do PSOE na que estaba perfilado como nº 7, ou nas redes sociais, xa que foron eliminadas todas as referencias á súa presenza na Agrupación) chamou a atención dunha veciñanza que comezou a invesigar que acontecera.

A situación é que J. M. G. A. presentou a súa dimisión tras ser parado o 31 de marzo pola Garda Civil, mentres conducía, sen carnet, o vehículo oficial da Agrupación. Era xa a cuarta vez que, dende 2008, a Garda Civil lle incoa un expediente sancionador a este individuo que nunca chegou a sacar o carnet de conducir.

”Como é posible que un alcalde entregue as chaves dun coche público a unha persoa sen carnet?” pregúntanse na vila. "Como é posible que coordina o tráfico escolar unha persoa que nunca fixo un exame de conducir?“

Funcionamento das Agrupacións

Fontes das Agrupacións de Protección Civil aseguran paralalemamente que a actuación do rexedor cambiando os marcos da asociación “non ten validez xurídica, porque os medios humanos dunha AVPC son totalmente independientes do Concello e do seu alcalde”. Se ben é certo que os bens son municipais, un alcalde non ten potestade para dirixir unha entidade que ten o seu CIF propio. Como calquera asociación as AVPC deciden cada catro anos os seus responsables, pero a realidade é que un alcalde si pode mandar na sombra, aprobando ou denegando a alta do seguro de responsabilidade civil que ten que ter cada voluntari@ cando participa nun Operativo, un operativo que ten que ter a súa ficha oficial aberta no rexistro para poder tramitar o seguro, as dietas…

Ademais, e se cadra máis importante, fontes do mundo das Emerxencias lembran a necesidade que estes servizos queden absolutamente allos á realidade política, porque ao final o que acaba pagando é a vítima dunha emerxencia, que se atopa nun operativo con voluntarios que foron colocados por asuntos políticos pero que non está preparado para exercer a labor de apoio.

Comentarios