Venres. 26.04.2024
El tiempo

Drew Korme expón a súa Vía Láctea e Mar de Ardora nos bares de Corme

“un poema non necesita ter un significado e,
como moitas das cousas da natureza,

a miúdo non o ten.”

Wallace Stevens.

Exposicion de Drew Corme nos bares de Corme
Un dos bares que acolle a exposición de Drew
Drew Korme expón a súa Vía Láctea e Mar de Ardora nos bares de Corme

Así, a natureza non necesita palabras para se converter en poesía. Non necesita máis que ollos que saiban interpretar o poema que vai escrito en cada mirada que recolleu o obxectivo.

A fotografía ten a capacidade de provocar unha lectura distinta en cada persoa que a contempla, le e analiza. Ten a capacidade de provocar emocións e é quen de falarnos da personalidade da autora ou do autor.

Ceo, terra e mar conflúen nos locais O Cabazo, Miramar, O Biscoiteiro, A Brinca, O Casino, Lista, O Labrego e A Torriña que se converten nunha galería de arte da Natureza, que o abarca todo, dende o terreal ao celeste a través dos ollos de Drew Korme (Cosmor Fotografía). O fotógrafo que soña fotos e que nos fai partícipes deses soños, o fotógrafo que escribe poemas con imaxes, o fotógrafo músico que fai danzar as imaxes, o introvertido que socializa a través da fotografía. Hipnotizado polas estrelas, as auroras boreais e o mar de ardora, será coñecido como o impulsor do fenómeno mar de ardora, a bioluminosidade azul que se converterá nun atractivo turístico da Costa da Morte.

Vía láctea e mar de ardora van collidos da man nesta exposición que ti, lector, podes visitar ata finais de maio.

A exposición está organizada por Ponteceso Cultura Permanente, asociación descubridora e promotora de talentos que brotou do espírito poético de Eduardo Pondal, poeta fotógrafo da natureza bergantiñá, bardo cantor dos eidos nosos que foi quen de deixarnos unha lingua de ouro.

  • Julia Ures.

Novas relacionadas

Comentarios