mércores. 30.04.2025
El tiempo

Filosofía, pintura, arte, cultura... en Ponteceso

Ponteceso CUltura permanente
Filosofía, pintura, arte, cultura... en Ponteceso

De que falamos cando falamos de Sumi-e e de Gyotaku?

O Sumi-e é unha técnica de debuxo monocromático en tinta negra da escola de pintura china que foi introducida en Xapón a mediados do século XIV por monxes budistas zen. O Sumi-e consiste nunha pintura naturista que representa os elementos na súa forma máis esencial, dende a simpleza e a espontaneidade. A concentración previa ao trazo é vital, pois o traballo con tinta china non se pode corrixir. 

O bambú forma parte dos catro cabaleiros Sumi-e, está asociado ao verán e representa a forza interior, consistente e humilde. A filosofía da técnica é conectar o espírito do que se pinta para que saia por si mesmo ao momento de pintar.

O Gyotaku é unha arte tradicional xaponés que data de mediados do 1800. Esta forma de impresión natural foi usada por pescadores que querían ter un rexistro das súas mellores capturas, pero tamén se converteu nunha forma de arte impresionante creando imaxes únicas. 

O Gyotaku tamén tiña unha función máis espiritual xa que se cría que parte da alma do peixe permanecía eternamente no papel no que se reproducía. 

Dúas técnicas de pintura que nos mostra Patricia Haz na exposición que coordina Ponteceso Cultura Permanente e que se pode ver no bar O Cruce, Ponteceso (Avda. Eduardo Pondal, 66).

Xapón, China e Ponteceso unidos pola arte de Patricia Haz.

Campo e mar. Bambú e peixes. Nai Natureza. 

  • Julia Ures

Comentarios