O GES de Ponteceso implanta un pioneiro innovador sistema de seguridade
- O novo modelo incorpora a figura do recurso preventivo en cada quenda e establece procedementos claros para actuar con eficacia e garantir a máxima protección.

O Concello de Ponteceso acaba de implantar un sistema técnico e organizativo pioneiro en Galicia no seu Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). Este modelo busca un claro obxectivo: garantir a máxima protección tanto para os efectivos da agrupación como para a veciñanza. Para conseguilo, incorporarase a figura do recurso preventivo en cada quenda. Isto é, a presenza dun GES que se encargará de detectar, comunicar e corrixir riscos durante as actuacións. A maiores, a adopción do sistema suporá tamén a fixación dunha serie de procedementos claros para actuar cunha maior eficacia e garantir, así mesmo, a máxima protección.
O alcalde, José Manuel Mato, subliñou a importancia de adoptar este novo sistema, sobre todo tras a recente vaga de incendios que sufriu Ponteceso e boa parte da comarca durante o mes de agosto. Considera o sistema “un paso histórico para o noso servizo de emerxencias, situando a Ponteceso como referente en prevención e profesionalidade”.
Na mesma liña, o concelleiro de Seguridade e Emerxencias, Juan Vidal, puxo en valor o compromiso e dedicación de todo o persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, “que demostra día a día a súa valía e entrega ao servizo dos veciños e veciñas”.