Domingo. 25.09.2022
El tiempo

Manuel Soto: "Aínda hai moitos vertidos que non se tratan"

Manuel Soto: "Aínda hai moitos vertidos que non se tratan"
manuel-soto-castineira Manuel Soto Castiñeira participa este sábado no I Encontro do Lixo Mariño que terá lugar no Couto e que está organizado pola asociación Mar de Fábula A casa dos veciños do Couto - Ponteceso - acolle este sábado unha Mesa debate sobre “Ética e contaminación orgánica do mar”, organizado pola asociación Mar de Fábula.  Na mesa de debate - moderada por Ubaldo Cerqueiro - sentaranse varios expertos na materia. Un deles é Manuel Soto Castiñeira, catedrático de Enxeñería Química e director da oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña. Soto é doutor pola Universidade de Santiago de Compostela, investigador en máis de 20 proxectos públicos e de empresas, conta cun cento de publicacións en temas de ciencia e tecnoloxía ambiental e outras tantas comunicacións a congresos. Dentro das súas investigacións máis recentes atópanse os os humidais construídos para o tratamento de augas residuais e a compostaxe de residuos orgánicos.
  • QPC: Que é a contaminación orgánica do mar?
Normalmente fálase de contaminación orgánica para referirse tanto ao vertido de materia orgánica como de elementos nutrientes (nitróxeno e fósforo fundamentalmente). Isto dá lugar á eutrofización que é un término técnico con varias acepcións pero cando hai moitos nutrintes na auga, incluída a materia orgánica, hai problemas de crecemento excesivo das algas ou tamén da falta de osíxeno. O osíxeno consúmese ao degradar esa materia orgánica e aí entramos na putrefacción, momento no que xa hai moi pouco osíxeno. Unha das fontes principais da contaminación orgánica son os vertidos urbanos, de industrias e os vertidos agrogandeiros e da agricultura en xeral, tanto pola utilización dos abonos químicos como pola utilización dos puríns.
  • QPC: Por que se fala tanto da contaminación dos plásticos e tan pouco (apenas só cando hai grandes vertedura) da orgánica?
A contaminación dos plásticos tamén é orgánica ainda que ten características completamente diferentes da que normalmente chamamos contaminación orgánica. Os plásticos non son biodegradables e por iso van a permanecer aí acarreando outros poblemas derivados dos contaminantes químicos que conteñen. A súa acumulación en pequenas partículas que permanecen centos de anos  acabando en tecidos de determinados seres vivos. A contaminación orgánica habitual é algo que podería ser positivo, xa que son elementos nutrientes que fan falta para a fertilidade dos oceános pero que cando se ten excexo (que é o caso dos vertidos residuais) dá lugar a ese fenómeno de eutrofización que trae consigo problemas ecolóxicos.
  • QPC: Poderíanse facer moitas máis cousas para erradicar a contaminación orgánica?
A contaminación orgánica son os vertidos residuais nos que a depuración está en proceso de avance pero ainda non está resolto e os informes máis recentes indican que a normativa só se cumpre nun 55%. Por tanto hai moitos vertidos que ainda non se tratan. No eido da contaminación difusa, que sería a procedente principalmente da agricultura e da gandeiría, avanzous moi pouco
  • QPC: Que responsabilidade teñen os gobernos na falta de previsión e erradicación da contaminación orgánica?
Os gobernos teñen a responsabilidade de adoptar medidas claras e eficientes así como de facelas cumprir. Tamén teñen o papel de financiar competencias súas como o saneamento público.
  • QPC: E os cidadáns?
Dalgunha maneira a responsabilidade témola todos e todas. O saneamento comeza no uso da auga e dos productos no fogar. Cando o problema parte de aquí o saneamento será insuficiente, pouco ecolóxico e moi caro. Polo que hai que empezar dende o punto de cero e iso forma parte dos plans de saneamento e de depuración das adminstracións utilizando ferramentas como a educación ambiental.
  • QPC: Achegándonos en clave local, o problema do saneamento nas rías galegas é realmente grave?
Ainda que se fala dende hai décadas do saneamento integral das rías, segue habendo grandes vertidos que non están depurados e, no caso galego, prestouse unicamente atención aos grandes vertidos procedentes de vilas ou industrias pero non se atende a contaminación difusa. É necesario traballar en atallar esa contaminación difusa xa que moitos pozos da comunidade, tanto do interior como da costa, está contaminados en moitas ocasións por pequenos vertidos.
  • QPC: Que pasos son necesarios para ir paliando este problema?
Os horizontes que establecía a directiva europea do 1992 eran de sete a oito anos e moitos deles ainda non se cumpriron a día de hoxe. Despois de anos de pouca actividade para paliar o problema, a situación actual está máis avanzada ainda que seguimos incumprindo esa normativa en materia de depuración.
  • QPC: Que che parece esta clase de debates locais para reflexionar sobre unha problemática tan silenciada?
Son espazos perfectos para darlle visibilidade a problemática e creo que debería haber máis deste tipo. Se non os hai é un indicador de pouca preocupación polo tema. Cando hai preocupacións a xente busca información, pídea e asiste a este tipo de actos. Así que estes actos son sempre bos e, sobre todo, se se consigue que a administración participe neles e que se compromentan diante da cidadanía a avanzar neste tipo de temas.

Novas relacionadas

Outros artigos de Xosé Manuel Barro

Novas de Mar de Fábula

Novas relacionadas Fonte

comentarios