Mércores. 08.05.2024
El tiempo

O Cabo de Corme visto a través da cartografía mítica

O Cabo de Corme visto a través da cartografía mítica
cabo-corme-ponteceso O concello de Ponteceso recuperará o legado cultural da zona do cabo de Corme Coñecedores do valor patrimonial, medioambiental e cultural do cabo de Corme a concellería de Patrimonio de Ponteceso está a traballar na elaboración da cartografía mítica dunha área xeográfica integrada polas parroquias de Santo Adrián e Nosa Señora dos Remedios, e, parcialmente, polas de San Xoán de Niñóns e San Xián de Brantuas. Un equipo técnico integrado por Ana Isabel Filgueiras Rei, especialista en arqueoloxía e antropoloxía, e Antón Bouzas Sierra, que se ocupará da parte e arqueoastronomía e paisaxismo, está a documentar e estudar a cartografía mítica do cabo de Corme para evitar a súa perda irreversible pola desaparición das últimas persoas depositarias dun legado cultural custodiado e transmitido pola tradición oral. Na cartografía non se incluirá unicamente un mapa xeográfico, senón  - como explica o concelleiro de Patrimonio, Carlos Penedo Casmartiño - o legado cultural que está ligado a lugares e ámbitos específicos do territorio que posúen significados que urxe cartografar para evitar que acaben esquecidos, e mesmo para recuperar algúns desaparecidos. Son enclaves nos que a tradición oral sitúa o movemento dos seres míticos, en moitos casos cristianizados e reinterpretados, noutros aínda fieis á súa orixe pagá ou precristiá. Son, en calquera caso, referentes territoriais de enorme valor simbólico, e que precisamente por iso se converten nun patrimonio único. O traballo recompilará rituais, crenzas, cerimonias, prácticas curativas tradicionais, recitados, esconxuros... En definitiva, todo o imaxinario dun territorio sobrenatural non só desde o punto de vista xeográfico, medioambiental ou paisaxístico, senón tamén simbólico. E con toda esa documentación elaboraremos a cartografía mítica e a carta arqueoastronómica do cabo de Corme, así coma un rexistro toponímico. Deste xeito recuperaranse e compatibilizaranse as novas necesidades e os usos actuais dese territorio coa pervivencia de valores culturais que o dotan de identidade e singularidade e tamén á xente que o habita; impulsar o desenvolvemento sostible a través de usos forestais, agrícolas e pesqueiros compatibles; establecer áreas de actuación en materia de reintegración cultural ou promover a investigación neste eido. Fonte

Comentarios