Eliminan tres puntos de vertido aos ríos de Ponteceso

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de eliminar tres puntos de vertido de augas residuais no concello de Ponteceso. O persoal do Programa de Control de Vertidos constatou durante distintas inspeccións rutineiras a existencia de aportes de augas residuais en distintas zonas do municipio procedentes de vivendas particulares.
O primeiro dos focos localizábase no lugar de Carballido, na parroquia da Graña, onde unha vivenda vertía a unha cuneta próxima que remataba no río Pelamios. O incidente producíase pola conexión irregular dunha lavadora e o desbordamento puntual da fosa da vivenda. Tras informar ao titular da vivenda, este procedeu á limpeza e baleirado da fosa e a conexión a esta das augas residuais procedentes da lavadora.
Os outros dous focos detectáronse no lugar de Campara, na parroquia de Cores, e consistían en desaugues de dúas vivendas que vertían cara un rego pertencente á conca do río Anllós. Por iso, os técnicos de Augas de Galicia comunicáronllo aos propietarios para que adoptasen as medidas correctoras oportunas.