O percebe e a troula triunfaron a partes iguais na Festa do Percebe do Roncudo
Hai quen ten medo porque xa parece máis un macrobotellón que unha festa gastronómica. Pero a realidade é que a Festa do Percebe do Roncudo é unha referencia en toda Galicia, tanto pola súa gastronomía como pola súa troula. As dúas festas teñen a súa cabida, e así o demostra esa mestura de cativada, mocidade e xente maior.
Non é que os mozos non proben os percebes, que os zampan de moi boa gaña. Pero moitos é certo que veñen de toda a provincia pola sona desta festa singular, que fai da praza do porto e de toda a vila unha pista de baile. Todos os visitantes quedan alucinados polas camisetas de cada pandilla, e son moitos os que xa chegan armados, por segunda ou terceira vez, coas súas camisetas específicas para o Percebe, como cada un dos grupos de amigos da comarca bergantiñá, para os que o Percebe é unha cita ineludible.
De toda Galicia veñen a probar o rei do marisco nesta 23ª edición desta Festa de Interés Turístico Galego. Desta volta non se chegaron aos 1000 kg de percebe, pero por pouco. 2.500 racións (a 17€) xa lle chega para darlle de comer a unha marea de xente. Quedar, non quedou un só percebe.
Foi Suso Lista, por fin, o pregoeiro desta a súa festa por antonomasia, coma a de todos os cormeláns. O escritor, que está xusto na publicación do seu segundo libro, e coma ben sabemos, non tivo pelos na lingua. Falou moito en clave positiva, porque esta festa e estes percebes sábenlle moito a este ex percebeiro que cambiou a ferrada pola pluma. Pero tamén tivo algún que outra palabra para a administración, pedindo interese polo mar á presente Conselleira.
Toca esperar, un ano enteiro, porque volva a Festa do Percebe do Roncudo!
Galerías das Festas do Percebe do Roncudo
- Festa de Percebe do Roncudo 2014: O percebe, en imaxes.
- Festa de Percebe do Roncudo 2013: Moito máis que un sábado de percebes e rockandroll.
- Festa de Percebe do Roncudo 2012: 20 anos de percebes e festa en Corme.
- Festa de Percebe do Roncudo 2011: Corme esgotou cos 1.000 quilos de percebes do Roncudo.
- Festa de Percebe do Roncudo 2010: A Festa do Percebe non nota a crise.
- Festa do Percebe do Roncudo 2009: 6.000 persoas disfrutaron do mellor Percebe do Roncudo.
- Festa do Percebe do Roncudo 2008: A Festa do Percebe do Roncudo volveu ser un referente en todo o país.
Novas relacionadas
- Suso Lista publica o seu segundo libro, Xeixos, con sabor ao mar salgado de Corme.
- Entrevista a Alfredo Varela: “O percebe segue resistindo, a pesar de que as capturas baixaron tralo Prestige nun 80%”.
- Entrevista a Paula Pombo: “A forza coa que rompe o mar no Roncudo fai que o noso percebe sexa o rei”.
- Unha tarde cos percebeiros de Laxe.
- Percebeir@s a ritmo do mar.
- Unha homenaxe, en vídeo, á figura de percebeiro.
- Unha nova documental pechará a triloxía sobre o mar de Laxe.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).