Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Ponteceso tamén reparte composteiros caseiros e instala novos contedores marróns

Composteiros Ponteceso
Ponteceso tamén reparte composteiros caseiros e instala novos contedores marróns

Ponteceso presentou o programa para a mellora de residuos a través da compostaxe e do uso do contedor marrón.

Un dos principais eixos desta nova campaña será o de apostar pola autoxestión da materia orgánica, fomentando a compostaxe doméstica. Por outra banda, engadirase un novo contedor aos xa existentes na rúa, o contedor marrón, dedicado exclusivamente aos residuos orgánicos.
Estes novos elementos urbanos contarán cunha peculiaridade, pois presentarán una fechadura pola que os veciños e as veciñas que queiran participar nesta iniciativa deberán solicitar a súa tarxeta identificativa para poder depositar os seus residuos. A idea é fomentar a separación, facilitando a reciclaxe.

Nesta nova campaña adquiren especial relevancia os grandes produtores de residuos orgánicos, como son os restaurantes, que recibirán, de balde, asesoramento e medios para levar a cabo esta nova iniciativa. Realizaranse tamén formacións nos centros de ensino, a fin de educar á poboación desde idades temperás.

Para levar a cabo este novo proxecto, o Concello de Ponteceso contará con 135 composteiros, que se repartirán entre a veciñanza, e 70 contedores marróns, que se colocarán nos puntos determinados polos técnicos municipais.

Tamén inclúe un camión 100% eléctrico para a recollida de biorresiduos, destacando as vantaxes deste tipo de vehículos, como a redución de emisións, a diminución da contaminación acústica e o seu posterior tratamento.

“Ata este ano cada tonelada depositada no contedor verde tiña un custo de 65 euros, por 35 euros do marrón, que se repercutirá nas taxas pagadas pola veciñanza, así que é importante rebaixar o uso do contedor verde en favor do marrón” concluíu.

Solicitude de composteiros

O Concello de Ponteceso habilitou a web ponteceso.rsu.gal para inscribirse no programa e solicitar un composteiro. Dentro dunhas semanas formalizarase unha reunión entre todos os solicitantes para entregar os materiais, informar sobre o seu uso e resolver as dúbidas pertinentes.
Pódese solicitar máis información sobre o programa a través do número de teléfono ou de whatsapp 647 521 464, ou ben a través do correo electrónico [email protected]

Comentarios