PP e PSOE enzárzanse en Ponteceso agracedendo e culpando á Xunta da parálise municipal


Nótase que maio 2019 está preto, pois comezan a xurdir as acusacións dos grupos municipais. O pasado venres era o PP de Ponteceso o que volvía á voz pública para “agradecer á Xunta o arranxo da estrada de Xornes”, e a creación da senda peonil. Unha ocasión que non desaproveitou a concelleira do PP Mar Durán para amosar o seu descontento co Alcalde de Ponteceso e co Concelleiro de Obras, pois xa quedara feito o proxecto da segunda fase da senda peonil que chegaba ata a igrexa e non souberon xestionala”.
Deste xeito, Durán considera que a non realización da segunda fase é “un mal para os veciños de Xornes por ser unha obra que tanto ansían”. Por iso, pide a Lois Carballido que “en vez de falar de etapas nas que gobernaba o PP e mentir de forma continuada co tema da deuda se dedicaran a gobernar para os veciños e veciñas de Ponteceso, que xa está a punto de rematar a lexislatura e aínda non fixeron nada do que prometeron”.
O alcalde responde acusando á Xunta
Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, Carballido, lamenta que “a Xunta destina 1,5 millóns de euros de sendas peonís na Laracha e 400.000 euros en Cabana, pero non as quere facer no Couto, nin en Pazos de Arriba, nin de Pazos á Bugalleira, nin de Ponteceso ao polígono de Tella, nin en Corme Aldea nin a segunda fase de Xornes igrexa, Todas estas sendas están aprobadas por unanimidade en pleno e pedíronse á Xunta”.
Por iso pídelle a Durán que lle pregunte a Ethel Vázquez, Conselleira de Infraestruturas, polas obrs da estrada Buño-Agualada por Xornes e polo tramo de sendas que lle pediu o propio Carballido cando visitou a zona hai uns meses. Unhas peticións que non puido recrdarlle o pasado 19 de xuño, cando a conselleira non se presentara a unha reunión fixada en San Caetano, á que enviaron a Francisco Menéndez Iglesias, director da Axencia Galega de Infraestruturas. "Francisco doume moi malas perspectivas, dicíndome que non vai haber máis sendas en Ponteceso en moitos anos, e que son criterios técnicos os que deciden”, lamentou Carballido.