venres. 03.04.2026
El tiempo

“Cando se xoga a Copa, a cousa xa cambia”. Previa das semis da Costa da Morte en Semana Santa

Campo de Arlina o pasado domingo trala xesta do Muxia fem
O Campo de Arliña viviu o domingo unha xornada histórica e volverá ser feudo dunha semifinal de Copa este domingo
“Cando se xoga a Copa, a cousa xa cambia”. Previa das semis da Costa da Morte en Semana Santa

Aproveita o Fútbol da Costa o parón ligueiro de Semana santa para celebrar unhas esperadísimas Semifinais da Copa da Costa. Unha cita histórica ademais, con 4 partidazos espectaculares, o xoves coa competición feminina, e o domingo coa masculina.

Ademais, dúas citas en Bergantiños e dúas na comarca fisterrá, demostrando o poder de vertebración de toda unha comarca que ten o noso benquerido Fútbol da Costa. Seguro que hai entradas tremendas nos 4 campos, todos con horario perfecto: ás 17:00h. Todo cun protagonismo especial do Muxía CF, que despois da doble xesta desta fin de semana, pode meter aos dous equipos nas grandes citas do fútbol costeiro.

Xoves de Copa FEM

Imaxe da final da Copa do ano pasado no Sampaio de Refoxos
Imaxe da final da Copa fem do ano pasado no Sampaio de Refoxos

O Cairo e o Sampaio de Refoxos acollen este xoves os fantásticos choques de semis da VI Copa da Costa Feminina.

O Corme recibe a todo un Xallas, equipo da 1º Div. que parte como favorito pero que se encontrará cun cadro de Rubén Souto, que recoñece que “o claro favorito é o Xallas pero o Corme, na casa intentará competir e dar a sorpresa para meter nunha final da Costa da Morte sempre especial. Non chegamos na mellor dinámica como sinalan os últimos resultados, pero a Copa é outra cousa”, asegura Rubén.

Pola súa banda, Eloy García Fateira valora que “chegamos en boa dinámica, con bos resultados co obxctivo da permanencia case cumplido. Estamos sólidas en defensa, concedendo moi pouco, e ademais temos dispoñible a toda a plantilla salvo Andrea Otero, baixa de longa duración”. Se ben é consciente de que “as dimensión reducidas do Cairo e o vento poden condicionar o partido”, sinala que chegan con “moita ilusión e moitas gañas de afrontar as semis para poder estar na final da Fontenla”.

En Cee, o cadro de Rafa Suárez recibe a un Muxía que chega no seu mellor momento da temporada. As de Noe Iglesias veñen de superar ao Tordoia na táboa e acariñan o título da 2º Div., xa co ascenso a 1ª case perfilado. As Corviñas buscarán meterse na súa segunda final, trala perdida o ano pasado precisamente no campo ceense. En fronte, terán un Cee aínda con algunha baixa de longa duración pero cun equipo moi ben armado e con fe.

Domingo de Copa Masc.

Ambientazo en Pedra Queimada
Ambientazo en Pedra Queimada nos pasados Cuartos

O domingo toca visitar Pedra Queimada ou Arliña.

O campo bergantiñá volve vivir unha semifinal de Copa moitos anos despois. O Malpica, que non se mete nunha final dende a 12/13 (que perdía co Xallas Santa Comba), recibe a un Porteño á alza.

Con moita emoción recibe o pobo malpicán a ocasión tras vencer ao Corme nuns agónicos penaltis. “Afrontamos estas semifinais con máis ilusión ca nunca, respírase ganas e fame de chegar a final”, explica Ruby. “Diante temos un moi bo rival que está a facer unha temporada moi boa, vén de estar líder cunha boa segunda volta. En cambio nós non chegamos nunha boa dinámica de resultados, pero cando se xoga a Copa, a cousa xa cambia. Promete ser un partidazo no que ambos equipos se xogarán unha praza en Vimianzo”.

Pola súa parte os de Mayor, afrontan estas semis “con moita ilusión e gañas. Estamos a un paso de xogar unha final de Copa, algúns do equipo poden chegar a xogar dúas finais en 3 anos e creo que non hai mellor motivación ca esa”, sinala o míster en relación á final que o cadro da Ponte perdeu ante o Dumbría en 2024. “Chegamos en boa dinámica e coa moral alta, pero sabemos que o Malpica é un rival moi duro e complicado. Temos que intentar facer o noso partido e co apoio da nosa xente levar a este equipo e este pobo a outra final de Copa. Será unha gran semifinal, necesitamos máis que nunca o apoio da nosa xente, estou seguro que este equipo o vai dar todo para poder gañar este partido”.

Se a de Pedra Queimada enfronta a dous equipos da Liga da Costa, a de Arliña enfronta a un 1ª cun Pref. O campo muxián vestirase de gala para recibir a todo un Sofán. O equipo de Preferente é gran favorito, pero tras gañar a Copa do 2023 ante o Baio, leva varios anos sufrindo as inclemencias dos campos das Ligas da Costa.

Polo bando muxián, Sergio Pataca asegura que “o equipo esta con moita ilusión de poder volver a repetir unha final da Copa da Costa. A verdade que sería incrible poder darnos esa alegría ademais do que suporía para a afección e para o pobo poder volver disfrutar dun espectáculo do máis grande na nosa Costa da Morte! Imos competir e gozar este bonito encontro e intentar acabar esta tempada tan fantástica da mellor maneira posible”, asegura o mister muxián.

En fronte terán todo un Sofán, que está poñendo todo no forno para volver ser por segunda vez campión da Copa. Pablo Torreira deixa claro que “afrontamos a eliminatoria con moitas ganas e sendo conscientes da complexidade do rival. O Muxía está facendo unha gran tempada, practicando un fútbol moi vistoso. Tendo o factor campo a favor, con centos de siareiros apoiando o equipo, e co plus do sentimento de pertenza dos seus xogadores, ademais da súa calidade futbolística”.
Con todo, o equipo recoñece que “asumimos o rol de teóricos favoritos e de rival a batir por estar dunha categoría superior, pero se algún equipo sabe que os favoritos na Copa da Costa no existen, deberíamos de ser nós polo vivido nas dúas últimas tempadas. Seguro que vai ser un partido intenso, vistoso no que faremos todo o posible por chegar á final”.

Carrusel

Máis novas

Comentarios