luns. 30.03.2026
El tiempo

Canduas, o camposanto cabanés con máis presenza do galego

Lapida en galego no cemiterio da Canduas-Cabana cuio panteon esta integramente en galego
Panteón en galego ao completo no cemiterio da Canduas
Canduas, o camposanto cabanés con máis presenza do galego

Continúa moi vivo na nosa comarca o proxecto “Palabra e Memoria" ou “Modelo Burela. Esa iniciativa que analiza como evoluciona a lingua na que enterramos aos nosos mortos, cunha visión positiva da normalización dos nosos camposantos.

Desta volta visitamos os cemiterios de Cabana de Bergantiños xunto con Carlos Lema (graduado en Historia, e estudante do mestrado de Historia Contemporánea) e Paula Martínez (titulada en Mediación Comunicativa e estudiando o grao de Educación Social). Despois de coñecer o proxecto a través das redes sociais, interesáronse por colaborar, e foi Bernardo Penabade, alma da iniciativa, o que os invitou a colaborar, ofrecendo instrucións para facer as colleitas de datos.

Alá se foron os dous, de despois de visitar o cemiterio de Bens, onde residen, ou algúns de Viveiro (de onde son os familiares de Paula) visitaron tres parroquias do concello de Cabana (Canduas, Cesullas e Borneiro), ademais do cemiterio de Nande, en Laxe, de onde é o pai de Carlos.

Armados coas táboas puxéronse a contabilizar o número de panteos e de propiedades que hai en cada cemiterio, contando as inscricións que atopamos en galego, e anotando as datas, para seguir analizando, con datos, cando entrou a lingua galega nos camposantos e como é a súa evolución.

Canduas, un exemplo de normalización

Notaron un caso especial no de Canduas. “Canduas é diferente, hai moita máis evolución na última década, a partir de 2010-2015, e sobre todo dende 2020, empeza a haber moita máis presenza do galego. Estase normalizando máis a lingua”, explica Lema.

No cemiterio de Canduas revisou 304 propiedades, entre as cales atopou 31 inscricións de 21 familias. Observou que algunhas xa contan con panteóns completamente en galego (100%). Apunta que proceso normalizador comezou en 1998, coa primeira aparición dunha lápida en galego, e continuou en 2004 (x2), 2005, 2009 (x2), 2010, 2014, 2015 (x2), 2016, 2017 (x3), 2019, 2020, 2021 (x4), 2024 (x3) e 2026.

Porén, en Cesullas, non chega ao 1,5%, a presenza do galego, e iso que a lingua entrou moi antes, en 1978. En Cesullas revisou máis panteóns (398) pero só localizou 6 inscricións de 5 familias (de 1984, 2009, 2016, 2020 e 2021).
Entre as curiosidades en Cesullas está enterrado de Saturnino Cuíñas, o cura do berro seco, e -enfatiza Lema- a súa lápida está en castelán. Tamén hai algunha inscrición curiosa máis. Por exemplo unha cun poema de Plácido Vigueret, que foi músico en Neaño, na mesma parroquia, e penso que tamén editou el mesmo algún poemario”.

lapida de Placido Vigueret en Cesullas
lapida de Placido Vigueret en Cesullas

Por último, no cemiterio de Borneiro hai 152 propiedades e en galego vense 5 inscricións de 3 familias distintas: unha de 2013, outra bilingüe de 2021 e dúas de 2023.

Tamén visitaron o cemiterio de Nande, Laxe, onde hai xa lápidas en galego do 75 e 78. A chave foi un párroco que tiña interese pola lingua, Manuel Castiñeira Rodríguez, natural de Nande, pero destinado 40 anos na Estrada, cando morriu quixo o seu panteón na súa lingua materna.

lapidas en Nande as mais antigas da costa
Dúas lápidas en galego en Nande, das máis antigas da Costa

As familias e as funerarias como posibles motores do cambio

Se por Esteiro descubriran a figura dun marmorista como principal axitar do proceso normalizador, neste caso entre as posibles causas, entende que pode ser polas propias familias, nas que “os fillos máis novos ou os netos opten polo galego”, unha vez que “os maiores seguen por tradicion no castelán”. Pero tamén fala das funerarias, porque “a día de hoxe xa hai moitas que ofrecen directamente as dúas linguas.

Precisamente é unha iniciativa deste proxecto que está invitando ás funerarias de todo o país a que ofrezan as dúas linguas como opción para que as familias cando menos teñan que pensar e decidir en que lingua queren enterrar aos seus seres queridos.

Máis novas

Comentarios