O reencontro dos 50 anos do CEIP Eduardo Pondal
O CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso cumple medio século. E a comunidade educativa quere celebralo por todo o alto. A gran festa será o vindeiro 19 de xuño, ás 12:00h, nun acto que será conducido por José Venancio Ures Barca, ex director da escola que este curso será o seu derradeiro como mestre.
”Para nós é un momento moi emocionante, pois sentímonos co privilexio de poder acompañar tanto á escola como á comunidade educativa”, explican dende a dirección; “mais a maior emoción e ilusión é poder ofrecer un espazo de Reencontro: reencontro entre o profesorado, conserxes, persoal de limpeza, persoal de comedor e o alumnado (sendo agora pais e nais, avós e avoas do actual alumnado)”.
O centro realizará unha homenaxe a Venancio Graña, o primeiro director, e fundador polo tanto, que abrirá a sesión.
A continuación, teñen organizado un Faladoiro entre o alumnado da histórica primeira promoción e a promoción deste curso presente.
Deseguido, intervirá o actual director, José Manuel García Villar, e pecharase o acto co descubrimento dunha placa conmemorativa e coa actuación da Coral Montebranco, da man de Xerardo Blanco Torrado.
A alma máter deste acto, vai ser outra mestra que deixa de exercer este mesmo curso académico, Piedad Gómez. É unha mestra activa e comprometida, que impulsou e organizou múltiples actividades extraescolares e complementarias: como as PDI do centro (Proxecto de Desenvolvemento Integral) e Festivais de fin de curso.
Contexto histórico
O centro comeza a funcionar o 19 de novembro do 1971 coa progresiva incorporación dos nenos e nenas das distintas escolas unitarias do concello. Supuxo un momento moi importante, non só na vida escolar do pobo, senón tamén, para o propio concello.
A nova escola vai ofrecer servizos á comunidade como por exemplo, o comedor escolar e o transporte. Desta maneira todos os nenos e nenas do concello comezan a coñecerse e ter máis relación, fortalecendo a vida social.
Nesta primeira etapa, a escola contaba arredor de 800 prazas cubertas de matrícula, tendo xornada partida. Tamén se contaba cunha piscina dentro da propia escola, feito moi innovador para aquela época.