Este sábado, festa de presentación do Festival Retella Fest 2025

Presentar un festival case que cun festival. Esa é a identidade da marca da familia do Retella Fest, unha das citas musiqueiras, libres, xa consolidadas do panorama da Costa da Morte.
A festa de presentación da edición deste 2025 será este sábado 18 de xaneiro, con tres concertos para quentar motores do que chegará no verán. A cita é a partir das 20:30 horas no campo de Os Seixos (Tella, Ponteceso) con entrada libre.
Para o acto de presentación, a organización conta con tres grupos musicais. Desde Mallorca volven participar nesta festa VYNILO, unha banda que fai transitar ao público por unha estrada de rock clásico, blues e incluso toques metaleiros. O guitarrista da banda é o pontecesán Cibrán Abella, que fará unha visita á súa vila natal para tocar co seu grupo rodeado de amigos e veciños.
A cita complétase co grupo de rock and roll coruñés Baila Cuchillo e, desde Pontecaldelas, Q’Jazz Band, unha formación que aposta pola recuperación do jazz con sons actuais.
Durante o evento está previsto anunciar as datas e o avance de cartel da quinta edición do Festival Retella, que terá lugar en Tella (Ponteceso) no verán deste 2025. A organización agradece a asistencia da veciñanza para apoiar e facer posible a continuidade deste evento cultural que, ata o momento, non conta con ningún apoio institucional nin privado.
Así foi a festa de presentación do festival do ano pasado: