Xa só a festa de presentación podería ter sido o propio Festival. Pero a cita deste pasado sábado no Campo dos Seixos foi só para poñernos a mel nos beizos de cara ao gran Retella Fest. O fermoso festival pontecesán celebrarase os días 28 e 29 de xuño, e para anunciar o cartel, a organización armou unha fermosa festa cos concertos de Vynilo, os Vagos, veterana banda de Lalín, e os eternos carballeses “Lowcos”, unha das referencias do rock da Costa da Morte que volveu poñer no escenario ao pontecesán Adrián Laíño, un dos organizadores do Retella, e os carballeses Suso Serrano, Pedro Caamaño e Nanny Mouro.
Cartel 2024
Xa coa vista posta en xuño, o festival debullou o programa desta 4ª edición, que duplica o número de grupos e sumando un día de celebración. Sobrinus (Madrid) e N.E.O (Galicia) encabezan o cartel do Retella Fest 2024, do que tamén formarán parte bandas como Sons of Exodus, Radio Zapa!, Lost Minnow, Lostregho, Fogbound, PortoFranco, Lowcos, Rusty Nuts e Technopork.
O Retella aposta pola música galega, comoo ratifica a presenza dos carballeses Rusty Nuts ou de N.E.O., a banda do mítico guitarrista de Los Suaves, Alberto Cereijo.
Ademais, a outra banda referencia do festi é Sobrinus é un grupo de rock madrileño que xorde nos anos 90. Tras un parón, volveron aos escenarios en 2017 e este verán chegarán a Galicia. A súa música é ecléctica por natureza, rock no básico con toques de funk, jazz, punk e hardore.