Martes. 23.04.2024
El tiempo

Unha Noite do prácido luar encheu O Couto

Unha Noite do prácido luar encheu O Couto
Era a segunda cita de teatro na rúa da Fundación Eduardo Pondal logo da desenvolvida dentro das Festiletras 2011, alá polo mes de maio. A eira da Casa do Cura, as rúas de O Couto e a praza do Quinteiro enchéronse de xente que non quixo perderse durante a xornada do pasado venres, 29 de xullo, unha velada teatral. En Noites do prácido luar conflúen cinco apostas creativas que dan como resultado un espectáculo apetecible e que xa conta con solicitudes para próximas representacións fóra de Ponteceso. Esas apostas son o texto de inspiración, centrado nos tres grandes autores do Rexurdimento como son Rosalía, Pondal e Curros, o grupo de gaitas Inllar, a voz privilexiada de Alba Costa, e o amplo grupo de mozos de O Couto que traballaron arreo durante moitas fins de semanas para a representación. Noites do prácido luar pon en escena música tradicional e coral, danza e dramatización, nunha época que se remonta ó século XIX e na que os poetas Eduardo Pondal e Rosalía de Castro volven ó presente para mergullarnos nun mundo de versos (con regueifa incluída) e lendas que nos sitúan no rural galego, no que tamén está presente o mundo da emigración. Como elemento máxico, aparecen as fadas pondalianas e tamén as mouras que viven nas fontes de frescas augas que verten ó río Anllóns. O elenco de actores e músicos é amplo, rolda a cincuentena de persoas que van actuando ó longo das distintas escenas. O papel de Rosalía de Castro é desempeñado por Sofía González, mentres que o de Eduardo Pondal corre a cargo de Esteban Rey Calvo. Tamara Lema Rodríguez desenvolve un triple papel de moura, cega e moza que marcha para a emigración.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Fundación Eduardo Pondal da man de Xosé Manuel Varela.

Comentarios