luns. 17.02.2025
El tiempo

A borrasca Éowyn deixa grandes inundacións que afectan a estradas, pisos, garaxes, e ata unha discoteca e un super

CPB - Inundación Discoteca Fortaleza en Santa Comba
Inundación Discoteca Fortaleza en Santa Comba
A borrasca Éowyn deixa grandes inundacións que afectan a estradas, pisos, garaxes, e ata unha discoteca e un super

Ao longo desta pasada tarde-noite de venres 24 de xaneiro, o paso da borrasca Éowyn está provocando grandes afectacións na comarca.

A nivel galego, contabilizáronse 374 incidencias rexistradas no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia. A provincia da Coruña foi, unha vez máis, a máis afectada, con 194 incidencias rexistradas.

Entre elas, varias na comarca, como a anegación da estrada en Olveira (Dumbría), pola subida do río.

Inundación dunha discoteca no concello de Santa Comba

Traballo abondo tiveron os bombeiros da zona. Os do parque Provincial de Santa Comba participaron pasadas as 22:00 horas de onte nun operativo provocado pola inundación da discoteca Fortaleza, en Santa Comba. A inundación anegou por completo a pista central da discoteca, cun nivel de auga duns 60 cm.

Os bombeiros provinciais fixeron emprego de tres electrobombas para que achicase a auga acumulada. Unha vez comprobadas as medidas de seguridade deuse por rematado o servizo.

CPB - Inundación Discoteca Fortaleza en Santa Comba_

Inundación en supermercado e garaxes no concello de Carballo

Aos bombeiros do parque Provincial de Carballo tocoulles participar pasadas as 21:00 horas de onte, nun operativo provocado pola inundación nun supermercado na rúa Cemiterio Vello e dun garaxe na avenida Compostela, en Carballo.

Tanto no supermercado como no garaxe había poucos centímetros de auga polo que os bombeiros provinciais procederon a abrir todas as tapas dos sumidoiros para que drenase a auga. Tras baixar o nivel da auga e volver á normalidade colocáronse as tapas de novo e unha vez comprobadas as medidas de seguridade deuse por rematado o servizo.

CPB - Inundación supermercado e garaxe en Carballo

Inundación nun cuarto piso

De seguido tiveron que achegarse á avenida Bergantiños de Carballo, por unha inundación nun 4º piso, debido a un posible atasco no caleiro da baixante do tellado. Así, os bombeiros provinciais accederon ao tellado desde o vehículo grúa para poder desatascar, dentro do posible, o caleiro de baixantes.

Os bombeiros limparon todo o caleiro e retiraron anacos grandes de tela asfáltica que estaba despegada da parte interior da fachada que da o tellado. Unha vez limpo o caleiro e comprobadas as medidas de seguridade deuse por rematado o servizo.

CPB - Inundación 4º piso en Carballo

Comentarios