O BNG de Santa Comba denuncia o grave deterioro do ximnasio municipal
Auga encharcada, goterias continuas, perigo nas instalacións eléctricas e deterioro avanzado das máquinas deportivas son algúns dos problemas que afectan ao ximnasio municipal de Santa Comba. É o BNG de Santa Comba o que lanza a alarma e o seu voceiro, Juan David Sixto, o que esixe que o goberno municipal actúe de maneira inmediata para solucionar os graves problemas de deterioro do ximnasio público que están afectando e poñendo en risco ás persoas usuarias das instalacións.
"O estado é lamentábel e non se pode agardar máis para poñer en marcha unha actuación urxente que solucione esta situación e evite riscos para as persoas usuarias", sinala o portavoz municipal nacionalista, Juan David Sixto que achega fotografías que demostran o estado da instalación que forma parte do Complexo Deportivo Municipal Fontenla.
O portavoz nacionalista lamenta que "o alcalde contribúa a que este concello teña uns servizos de terceira... denunciamos no seu momento o estado do Centro de Saúde e dos centros de ensino e agora é o ximnasio municipal o que fai augas... a veciñanza de Santa Comba non merce unhas instalacións con tal grao de deterioro", sinala.